Skip to main content
Monforte

Comezan as obras para o arranxo da ponte de Piñeira, en Monforte

Por 22 Setembro, 2022Setembro 23rd, 2022Sin comentarios

Os traballos que xa deron comezo, centraranse na construción dun novo pilar na ponte de Piñeira no que previamente se realizaron diversos informes técnicos para levar a cabo a súa reposición.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer os traballos previstos para levar a cabo a reposición do pilar número 2, logo de que esta estrutura fora pechada ao tráfico e aos peóns a finais do pasado mes de xuño, tras detectarse unha deficiencia en dito pilar.

O pasado mes de xuño, tras detectar o concello deficiencias neste pilar da ponte de Piñeira que podían poñer en perigo aos seus usuarios, o alcalde decidiu decretar o seu peche ao tráfico de peóns e vehículos co obxecto de levar a cabo os estudos pertinentes encamiñados a analizar polo miúdo a deficiencia do pilar, así como revisar o seu estado xeral, para proceder á súa reparación.

“Tras seren executados os correspondentes traballos de enxeñería a cargo da empresa Extraco e do director de obra designado polo Concello, traballos necesarios para determinar a situación do pilar da ponte e para darlle unha solución á deficiencia detectada, nos próximos 5 días levarase a cabo a colocación de micropilotes nunha profundidade de 9 metros para estabilizar o terreo e proceder á construción do novo pilar”, subliña o alcalde.

O rexedor monfortino anunciaba tamén que os traballos estarán rematados na súa totalidade, si as circunstancias do tempo o permiten, aproximadamente a finais do mes de outubro.

Dado que as obras son contratadas por emerxencia, o custe das actuacións estímase segundo os técnicos en 242.000 euros aproximadamente.

”Unha vez estean rematadas as obras de arranxe da ponte de Piñeira, procederemos ao restablecemento do tráfico de vehículos e de persoas, previsiblemente no mes de novembro”, conclúe o alcalde.