Skip to main content
Monforte

O concello de Monforte gaña un recurso interposto pola empresa Contratas e Promocións Sánchez SL

Por 28 Setembro, 2022Sin comentarios

A xustiza vén de darlle novamente a razón ao concello de Monforte ante a empresa Contratas e Promocións Sánchez SL, por un desaloxo de materiais con motivo das obras levadas a cabo no terreo da Zona C.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa dun novo auto favorable ó Concello monfortino en relación coa denominada Zona C, que comprende os terreos situados entre a rúa Rof Codina e o barrio de Cobas, auto relacionado cos recursos interpostos pola empresa Contratas y Promocións Sánchez SL.

Trátase do Auto  63/2022 ditado polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Lugo, que resolve “desestimar o recurso de reposición no seu momento interposto en relación á solicitude do alcalde de Monforte de Lemos (con data 16 de decembro do 2021), polo que se ditaminaba a retirada dos materiais depositados nunha parcela da súa propiedade como consecuencia do inicio das obras do Proxecto de Reparcelación da Zona C”.

“No seu auto”, informa o alcalde monfortino, “o xulgado declara a inadmisibilidade do recurso interposto por Contratas y Promocións Sánchez SL. indicando que a aprobación do proxecto faculta á Administración para proceder á ocupación dos terreos, o que xustificaría a orde de retirada de materiais, é dicir, como execución do acordo anterior, o que parece en principio non infrinxir o ordenamento xurídico”.

O xulgado fundamenta a súa decisión na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do chan de Galicia, no seu artigo 107, sobre Efectos da aprobación do instrumento de equidistribución:

José Tome, alcalde de Monforte, amosou a súa satisfacción “por este novo auto que sigue dando a razón ao concello ante as demandas presentadas por Contratas e Promocións Sánchez SL., empresa que recentemente perdeu outras dúas sentenzas ante este concello (o Auto número 112/2021 do 1 de decembro de 2021 e o Auto  31/2022 con data do 29 de marzo de 2022), en relación coa xa mencionada Zona C”.

O rexedor monfortino subliña que “seguimos adiante, amparados pola legalidade e pola xustiza, co proceso construtivo que iniciamos a mediados do pasado mes de febreiro para urbanizar e dotar de servizos á Zona C, que comprende os terreos situados entre a rúa Rof Codina e o barrio de Cobas, proxecto que sen dúbida cambiará a fisionomía da nosa cidade”, engade Tomé.