Skip to main content
Monforte

Monforte presenta o Programa Activa, este ano con máis prazas para os veciños

Por 29 Setembro, 2022Outubro 2nd, 2022Sin comentarios

Vénse de poñer en marcha unha nova edición do Programa Activa que chega este ano ao concello de Monforte con máis prazas e máis días de actividades.

A primeira tenente de alcalde de Monforte,  Gloria Prada Rodríguez, acompañada pola coordinadora de Servizos Sociais do Concello, Luz Méndez Castro, presentaron o proxecto que tal e como recoñeceron “Tras dous anos de ausencia nos que tivemos que suspender este programa pola pandemia da Covid-19, por fin volvemos a el con ganas, entusiasmo e alegría, porque este programa está especialmente pensado para os nosos maiores”, afirman.

“O colectivo de persoas maiores foi o máis afectado pola pandemia, por iso a volta deste Programa Activa, tanto para o alcalde como para o Equipo de Goberno, merece un anuncio ó grande, xa que foi un dos principais compromisos asumidos por este e tamén somos conscientes do desexo que ten a cidadanía de Monforte de que se retome este programa”, destaca Gloria Prada.

Do mesmo xeito, a tenente de alcalde, anuncia que o Programa Activa comezará as súas actividades a principios do mes novembro e estas se estenderán ata o 30 de xuño, nun total de 8 meses, “un ambicioso e completo programa que sempre estivo presente na liña de traballo deste Alcalde e deste Equipo de Goberno”, afirma Prada.

O prazo de inscrición tanto para as actividades que terán lugar no Centro Cívico como nas parroquias, permanecerá aberto ata o 11 de outubro.

Obxectivos

Os obxectivos que se marca este Programa Activa dirixido ós veciños e veciñas de Monforte son, “por unha banda, promover o envellecemento activo e, por outra, mellorar a calidade de vida das persoas maiores”, destaca Gloria Prada.

En concreto, búscase promover o benestar bio-psico-social das persoas maiores, promover a socialización e a participación social, habilitar espazos de encontro interxeracionais, evitar as situacións de illamento e soidade das persoas maiores, e dinamizar as zonas rurais do concello de Monforte.

No Programa Activa dáse prioridade de participación “ós maiores de 55 anos, que son os que máis precisan deste tipo de actividade para volver á normalidade, e gozar dunha vida máis saudable e independente” sinala a tenente de alcalde.

Novidades

Gloria Prada destaca “o aumento do número de prazas nas actividades máis demandadas e consolidadas, ofertándose un total de 510, entre as que haberá prazas para persoas discapacitadas. Esta ampla oferta de prazas nos permitirá tamén ampliar o número de grupos”.

En canto ás actividades ofertadas, a tenente de alcalde destaca coma novidade que “o curso de Competencias dixitais para uso cotiá, no que ensinaremos ás persoas maiores como manexar as novas tecnoloxías dixitais, procurando que manteñan a súa mente activa, tentando eliminar a fenda dixital interxeracional e reducir as desigualdades que isto provoca”.

Como en anos anteriores, todas as actividades son gratuítas para os veciños e veciñas de Monforte, e están subvencionadas ó 100% polo Concello monfortino.

Para consultar o catálogo completo de actividades dispoñibles, ampliar calquera tipo de información ou realizar a inscricións, recoméndase visitar a páxina web do concello www.monfortedelemos.es