Skip to main content
Monforte

Conclúen as obras de reparación da Ponte de madeira do Malecón, en Monforte

Por 30 Setembro, 2022Outubro 2nd, 2022Sin comentarios

O concello de Monforte informa que xa se atopa aberto o tránsito de peóns na Ponte de Madeira do Malecón, unha vez finalizados os traballos de reparación e mellora da mesma, deseñados polo Equipo de Goberno.

O alcalde anunciara no mes de xuño os traballos reparación desta Ponte de madeira sobre o río Cabe, que se sitúa entre a rúa Santa Clara e o Paseo do Malecón, “xa que era necesario actuar en algunhas zonas deterioradas, especialmente as ferraxes de aceiro galvanizado situadas baixo o taboleiro e os acabados da madeira, que estaban en estado regular”, afirmaba.

O inicio das actuacións tivo lugar no mes de xullo, motivo polo que foi pechada ao tránsito de persoas.

Así, o rexedor monfortino recorda que, “dado o tempo transcorrido dende a súa construción e vista as necesidades de mantemento que presenta, dende o Equipo de Goberno decidimos actuar para mellorar esta Ponte, co dobre obxectivo de evitar que se seguise deteriorando a madeira e de garantir a seguridade das persoas que pola Ponte transitan todos os días”.

“Rematados os traballos planificados”, anuncia o alcalde, “volvemos a abrir esta Ponte de madeira do Malecón para o uso e desfrute dos veciños de Monforte e das persoas que nos visitan, as cales poderán transitar por unha pasarela totalmente renovada”.

Obras de mellora

Esta Ponte foi construída en madeira laminada e colocada no ano 1.999, fai case 23 anos. A súa lonxitude total é de 36 metros e posúe un dobre arco lateral con taboleiro central. Cada un dos arcos laterais está formado, á súa vez, por outros dous unidos transversalmente.

As obras que se realizaron para levar a cabo a reparación da Ponte de madeira sobre o río Cabe consistiron na comprobación e reparación dos elementos de unión das vigas, a limpeza e lixado de tódalas súas pezas de madeira e a reparación de gretas existentes.

Para esta actuación de mellora da Ponte do Malecón, o concello destinou un orzamento de máis de 48.000 euros.