
Membros do CEIP Monte Baliño situado no municipio de Pantón entre os que se atopan tanto profesores, persoal do centro coma alumnos ou tamén pais e nais, atópanse inmersos nun proxecto que busca conmemorar os 50 anos de historia do centro educativo.
O obxectivo é realizar unha exposición fotográfica que consiga amosar o percorrido do CEIP Monte Baliño ao longo de todos estes anos, dende a súa apertura no ano 1972 ata o día de hoxe.
Non só centrándose no propio colexio e en como foron cambiando e evolucionando as súas instalacións (exteriores ou aulas) senón tamén amosando os anos que pasaron nel tódolos seus alumnos nos distintos cursos.
Para iso, dende o concello e a Casa de Cultura de Pantón piden a colaboración de tódolos veciños e veciñas da zona que poidan dispor de material fotográfico. Para levar a cabo devandita exposición e que sexa o máis completa posible.
“Calquera foto será benvida, a poder ser con datas e textos referentes ao momento no que foron tomadas. Aínda que este non é un requisito imprescindible”, afirman dende a Casa da Cultura de Pantón.
Para facer chegar todo este material que posibilitará a celebración da mostra, tanto o CEIP Monte Baliño coma a Casa da Cultura habilitan os seus teléfonos e os seus correos electrónicos.
Para contactar co primeiro deles, o CEIP Monte Baliño pódese realizar unha chamada ao 982 828 215 ou mandar unha mensaxe ao correo electrónico ceip.montebalinho@edu.xunta.gal adxuntando o material solicitado.
Con respecto á Casa da cultura, o teléfono no que se poderá contactar é o 982 456 377 e o seu correo electrónico, culturapanton@gmail.com.