Skip to main content
QuirogaRibas de Sil

Detidos os autores dos incendios en Quiroga e Ribas de Sil

Por 8 Setembro, 2022Sin comentarios

A detención dos tres presuntos autores de ata dez incendios rexistrados en Ourense e Lugo, foi posible grazas á estreita colaboración tanto da UIFO (Unidade de Investigación de Incendios Forestais) coma do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Comandancia da Garda Civil en Lugo.

Ante o incremento de incendios na comarca de Trives, a Garda Civil, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais e axentes ambientais iniciaron varias liñas de investigación que concluíron co esclarecemento de dez lumes (entre eles os sucedidos en Quiroga e Ribas de Sil).

Cabe destacar que estamos a falar dun operativo iniciado xa no 2020 no ámbito dos distritos forestais VIII Terra de Lemos e XIII Valdeorras-Trives. Así, os labores iniciáronse en setembro dese ano mediante un operativo de vixilancia conxunto entre o Seprona e axentes ambientais do distrito de Valdeorras-Trives. A partir deste dispositivo identificouse un presunto incendiario, veciño da comarca, duns 26 anos de idade.

Posteriormente, en outono dese mesmo ano, nunha operación do Seprona de Ourense, prodúcese unha detención e recádase información, parte dela relacionada con esta persoa. Porén, nese intre os datos non abondan para poñer a disposición xudicial a este presunto incendiario, malia que se lle fai un seguimento e compróbase que segue actuando.

Así, en varios lumes rexistrados en agosto de 2021 no municipio de Chandrexa de Queixa, compróbase un mesmo modus operandi. En datas seguintes, rexístranse máis lumes na zona que os axentes determinan que probablemente estean provocados por este mesmo autor.

Así, a UIFO e a Garda Civil comproban que en cando menos nove lumes pode determinarse a participación deste presunto autor. En resumo, falamos dun total de 10 incendios producidos nos anos 2021 e 2022 que se inclúen no atestado xudicial instruído polos axentes do Seprona e que derivaron nestas detencións.

Cabe lembrar que a creación da UIFO no ano 2021, con 15 axentes ambientais dedicados exclusivamente á investigación dos lumes, permitiu concentrar de xeito significativo os esforzos en operativos deste calado.