Skip to main content
O Saviñao

Vilelos prepara unha nova edición do Folión das Fachas para este venres

Por 21 Setembro, 2022Sin comentarios

A parroquia de San Martiño de Vilelos, no Saviñao, vén de presentar unha nova edición do Folión das Fachas de Vilelos, que se celebrará este venres 23 de setembro coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos mantén viva unha tradición ligada nas súas orixes (castrexas), a celebración das colleitas e que chegou á actualidade como un anuncio do inicio das festas da parroquia.

O Folión das Fachas celébrase na véspera. Coas fachas de agucios prendidas e con acompañamento musical, os veciños e veciñas soben en procesión desde a aldea ata a cima do castro da Besta, onde o ritual de lume e música pode ser albiscado desde as parroquias veciñas.

Vilelos é, xunto a Castelo (en Taboada) e Castro Caldelas, en Ourense, un dos poucos lugares de Galiza onde se conserva esta manifestación cultural, explican desde a organización, na que participan diferentes xeracións de veciños e veciñas da parroquia e na que destaca o impulso das máis novas, moi orgullosas da tradición herdada.

A noite iniciarase cunha pancetada popular ás 21.00 horas, que reunirá á veciñanza na Besta. O Folión comezará ás 00.00 horas, co prendido das fachas que alumearán a subida e a volta ao redor do castro, co acompañamento dos músicos da Asociación Cultural Fiadeira de Antas de Ulla. Á volta, a festa continuará cunha actuación de Comando Curuxás.

O deputado Efrén Castro, que se achegou A Besta para a presentación do evento, puxo en valor “a implicación da veciñanza para dar continuidade a esta tradición, que xera un orgullo e un sentido de pertenza moi importante á hora de crear comunidade no rural” e sinalou “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co tecido asociativo, que desenvolve un papel fundamental na dinamización cultural e social das parroquias”.