Skip to main content
CervantesNavia de SuarnaPedrafitaTriacastela

Hoxe deu comezo o obradoiro de emprego Comarca dos Ancares V

Por 19 Setembro, 2022Sin comentarios

Hoxe botou a andar o obradoiro de emprego Comarca dos Ancares V, que promove o Concello de Pedrafita do Cebreiro xunto cos de Cervantes, Navia de Suarna e Triacastela, e está financiado con 504.000 euros pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Participan 20 traballadores desempregados, que acceden así a un contrato de traballo ao tempo que reciben formación teórica e práctica na especialidade de operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas. Ao remate, recibirán un certificado de profesionalidade con validez en toda España.  Este ano amplíase a duración dos proxectos, que pasa de nove meses a un ano, o que permite reforzar a formación e incrementar as obras e servizos que prestan. En cada un dos concellos involucrados traballarán cinco alumnos e alumnas, realizando obras de reforma en espazos públicos.

En concreto, no municipio de Pedrafita acometerán a restauración de muros tradicionais no núcleo de Fonfría, e no de Cervantes rehabilitarán as fontes da escola e da área recreativa en Vilarello da Igrexa, ademais de muros nesta localidade e en Bazal. En Navia de Suarna centraranse na mellora das fontes de Trigal, Ribón, Vilaverde, Vallo e Queizán, mentres en Triacastela restaurarán a contorna da capela de Meizarán e muros tradicionais de cachotaría en Montes.

Ao longo das vindeiras semanas iranse poñendo en marcha outros obradoiros, ata completar os 21 que se van desenvolver en 57 concellos da provincia, grazas a un investimento da Xunta de 10.769.727 euros. Formarán en total a 420 persoas sen emprego en sectores con demanda no mercado laboral, especialmente actividades de construción, tarefas de xardinaría e forestais, carpintaría e atención sociosanitaria.