Skip to main content
Cultura SARRIAXALáncara

Entrevista: “Ofrecemos a posibilidade de medrar en contacto directo coa natureza, co estilo de vida rural”

Por 10 Setembro, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Sandra Rubio Capón, educadora Infantil e promotora da creación da casa niño PapoRubio, situada no barrio de Sobrerriba na parroquia de Santiago De Cedrón (no concello de Láncara).

Como e cando xurde a iniciativa?

O soño asomaba pola mente dende o momento en que cursei maxisterio na especialidade de Educación Infantil e a Xunta de Galicia apostou por estas iniciativas aló polo ano 2016; foi cobrando máis sentido segundo as circunstancias da vida que me foron guiando ata onde hoxe me atopo.

Cando se levará a cabo o proxecto? Que detalles faltan por ultimar?

As instalacións están actualmente acondicionadas para acoller á cativada en canto reciba autorización por parte da Consellería da Xunta de Galicia.

Agardo abrir as portas este mes para inicialmente ofrecer unhas xornadas de portas abertas e así dar a coñecer as instalacións e recursos dispoñibles á poboación e comezar o ano lectivo nese mesmo mes.

Cóntenos detalles acerca do proxecto: o financiamento, como se levará a cabo, si xa hai algunha persoa que queira inscribirse ou haxa reclamado os seus servizos.

O proxecto réxese polas ordenanzas establecidas na convocatoria que anualmente se publica dende a Consellería de Política social para potenciar a vida no rural, para ofrecer atención a primeira infancia en concellos de menos de 5.000 habitantes e para facilitar a conciliación familiar nas aldeas.

Para este proxecto a Xunta subvenciónanos ata un máximo de 15.000 euros para os gastos de reforma e adaptación do espazo.

O servizo prestarase de luns a venres, agás festivos, de 09.00 a 17.00 horas. Pechando un mes ao ano para vacacións e tarefas de mantemento do local. Distribuíndo o tempo na combinación de tempos de lecer, adquisición de hábitos e atendendo sempre o ritmo propio de cada usuario para cubrir as necesidades individuais e favorecer o desenvolvemento global dos infantes.

Hai familias interesadas no proxecto, pero aínda quedan prazas libres. É por iso que as familias interesadas poden vir a coñecer as instalacións ou contactar comigo vía telefónica (605 318 635) e electrónica (srcmestraei@gmail.com) para realizar a inscrición e formalizar matrícula.

Como vai ser a estrutura da casa niño?

A casa niño PapoRubio consta dos seguintes espazos: un recibidor, unha sala de usos múltiples con zona de gateo, recuncho de contos e espazo de xogos entre outros, un cuarto de descanso ou sono, unha cociña, un aseo e un espazo exterior de xogos.

Cal é a orixe do nome?

Esta casa niño leva tal nome por unha dobre causa, por un lado fai honra a ese paxaro emblemático tan presente na nosa paisaxe, e por outro lado é un xogo de palabras que honra o meu pai (falecido recentemente) e a quen todo o mundo o coñecía como “o Rubio” sendo para min o meu “Pap O Rubio”.

Porque apostar por unha casa niño? De sempre gustáronlle os nenos?

As casa niño ofrecen unha atención moito mais personalizada (son un máximo de 5 usuarios) nun entorno natural, rural e con estilo de vida moito mais tradicional e relaxado que nas pequenas e grandes urbes e iso aporta grandes vantaxes  na crianza.

A parte de estar implicada en levar a cabo o proxecto, traballará de forma directa cos nenos? Soubemos que ten experiencia como educadora.

Efectivamente eu son a promotora e tamén a educadora que prestará a atención directa os usuarios, tendo para casos de incapacidade laboral unha serie de persoas, coa titulación apropiada, para poder substituírme e así ofrecer o servizo aberto todo o ano de luns a venres (agás un mes de vacacións e os días festivos).

No Concello de Láncara hai outras dúas casas niños a parte desta que se vai construír. Que innovacións inclúe esta ou en que se diferenza das outras dúas? Vai incorporar algún servizo novo?

Efectivamente  o noso concello é un dos privilexiados en ofrecer xa 3 casas niño, a principal vantaxe que podo ofrecer é a situación, posto que se atopa no extremo oposto da localización das outras dúas. A casa niño PapoRubio atopase situada na zona mais montañosa do concello e ofrece cobertura principalmente ás familias desta parte do concello ou de municipios adxacentes que non teñan ou non alcancen a cubrir a demanda suficiente para as familias con necesidade destes recursos.

A casa niño PapoRubio ofrece a posibilidade de medrar en contacto directo coa natureza, co estilo de vida rural, cos recursos propios do lugar favorecendo o desenvolvemento global da primeira infancia en contacto coa nosa contorna máis inmediata.

O lema da casa niño PapoRubio é: medrar no medio (no noso entorno mais inmediato, sexa cal sexa), co medio (aproveitando os recursos e ferramentas que nos ofrece o espazo no que vivimos) e para o medio (unha educación sostible e respectuosa é precisa, posible e favorecedora).