Láncara acolle este mércores 28 de setembro un almorzoworking, enmarcado dentro do programa Feminino rural. Esta iniciativa financiada integramente pola Deputación de Lugo e que desenvolve a Asociación de Empresarias de Lugo, ofrece de maneira gratuíta formación e asesoramento a mulleres emprendedoras para mellorar ou lanzar os seus propios negocios.
O encontro que terá lugar no Restaurante Neira de Poboa de San Xillao ás 9.30 horas ten como obxectivo crear sinerxias entre os establecementos da comarca e fomentar o intercambio de coñecementos e experiencias entre emprendedoras e empresarias, á vez que se trata de potenciar a fortaleza individual e colectiva das mulleres.
Poderán acudir todas aquelas mulleres de Láncara e tamén dos arredores: do Incio, O Páramo, Paradela, Samos, Triacastela ou Sarria.
As participantes recibirán formación, acompañamento e asesoramento de maneira gratuíta, tanto para mellorar os negocios que están en marcha, como para favorecer o éxito e viabilidade das iniciativas emprendedoras.
O programa que se prolongará ata finais de ano, consta dunha primeira fase de encontros de traballo conxunto para crear sinerxías e favorecer o intercambio de experiencias e dunha segunda fase de asesoramento e formación personalizados.
Para chegar ao maior número de mulleres e facilitar a súa participación, as distintas accións realizaranse en varias comarcas como a Mariña, Lugo, A Ulloa, Terra Chá, A Montaña e Ribeira Sacra. Agora é a quenda da comarca de Sarria.

O programa Feminino Rural ten unha clara perspectiva de xénero e demográfica e busca seguir apoiando e fortalecendo o tecido produtivo da provincia.
A previsión é que nestes almorzos de traballo conxunto participen un total de 175 mulleres nas 7 comarcas, en cada unha delas habilitaranse 25 prazas.
Despois haberá unha segunda fase onde participe unha selección de 5 empresarias e emprendedoras por comarca que sairán das reunións de traballo. Polo tanto, un total de 35 persoas recibirán unha formación e un asesoramento personalizados, que irán dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrincar a empresa no caso das emprendedoras participantes.