Skip to main content
Paradela

Paradela acolle o domingo a XXVII edición da Festa dos Avós

Por 23 Setembro, 2022Sin comentarios

O concello de Paradela vai celebrar este domingo día 25, a XXVII edición da Festa dos Avós, á que van asistir arredor de medio milleiro de maiores. Unha festa que este ano se inclúe dentro das celebracións do Bicentenario do concello.

Os actos comezarán coa apertura das tres exposicións do Bicentenario, instaladas no Mercado de Paradela: Do tempo das luces (con imaxes antigas de feitos e persoas de Paradela), Paradela, senda infinita (sobre a historia e vida do concello nestes douscentos anos) e Manuel Rodríguez López, 2.0 (sobre o escritor, Fillo Predilecto do concello, que foi o vencello entre os galegos de Catalunya e os que viven no nosa comunidade).

Ás 12.30 horas as autoridades de Paradela recibirán a autoridades e invitados no edificio multiusos. A continuación, actuará a Banda de Paradela. A misa solemne comezará ás 13.30 horas.

Arredor das 14.30 horas dará comezo o xantar, seguido dun sorteo de agasallos e para rematar os actos, poderase desfrutar coa actuación de Alfredo González Vilela que presentará o seu disco Navia sobre poemas do profesor e escritor naviego Toño Núñez.

No decurso da festa vai ser presentada a produción audiovisual Maiores de Paradela, realizada por Begoña Pérez López con motivo do Bicentenario, con intervencións dos paradelenses Xesús Mato Mato, Julio Varela Rodríguez, Ermitas López Arias e Francisca Jorge López.