Skip to main content
O Páramo

O PP do Páramo insta ao goberno local a solucionar os problemas co subministro de auga

Por 29 Setembro, 2022Outubro 2nd, 2022Sin comentarios

Membros do Partido Popular do concello do Páramo veñen de manifestar o seu descontento acerca da situación actual que se vive no municipio ca escaseza de auga.

Tal e como eles mesmos afirman, “hai vivendas que levan máis de 15 días sen auga”. O grupo municipal Popular do Páramo reclama ao goberno local unha solución aos problemas de abastecemento de auga que están a sufrir tódolos veciños e veciñas de varias parroquias. “Algunhas vivendas levan máis de 15 días sen auga e, outras, incluso máis dun mes”, explica a voceira, Verónica Arias.

Os populares trasladaron esta reclamación durante o pleno municipal celebrado a comezos de semana afirmando que “É un ano de moita seca, pero trátase dun servizo básico municipal que debe prestar o concello, máis aínda tendo en conta que cobra pola súa xestión. Os nosos veciños e veciñas non poden estar sen subministro de auga durante tanto tempo”, critican os populares.

Por outra banda, xa que é preciso realizar cortes de auga de forma controlada debido á seca, os populares manifestaron que “os responsables municipais deben avisar con tempo aos veciños (a través dos pedáneos de cada parroquia, por exemplo), sobre onde e cando se vai cortar a auga de forma que coñezan con tempo a situación”.

As queixas dos populares no pleno non só se centraron no tema do subministro da auga, Arias criticou tamén o estado no que o goberno local mantén a Casa da Folgueira que adquiriu o concello en Beleigán. Tal e como afirma a voceira do grupo popular, “Débese manter en condicións de seguridade e salubridade xa que na actualidade está abandonada de todo: hai que tomar medidas porque unha parte do tellado está a piques de caer e tamén hai que limpar a maleza para evitar que invada outra vivenda lindeira”, comenta Arias.