Skip to main content
Sarria

O espectáculo Redondo, da compañía Caramuxo Teatro, chega maña a Sarria

Por 21 Setembro, 2022Setembro 22nd, 2022Sin comentarios

Maña venres o concello de Sarria acolle dentro do programa O Primeiro Xacobeo, un ciclo de teatro para a primeira infancia nos camiños a Compostela, a representación do espectáculo Redondo da compañía Caramuxo Teatro.

Redondo é un espectáculo para bebés e familias cuxa función terá lugar maña venres ás 17.30 horas na Casa da Cultura.

A obra conta a historia de Mr. Round, ao que lle fascinan todos aqueles obxectos redondos, os que máis curiosos lle resultan son os que teñen forma de circunferencia. Un día, na súa incesante procura, atopará unha asombrosa esfera que agocha historias sorprendentes. Unha proposta visual, case sen palabras, para gozar en familia.

O espectáculo ten unha duración duns 30 minutos e na súa organización participan a Xunta de Galicia, o Xacobeo 2021-2022 e a compañía Caramuxo Teatro.

Para ampliar calquera tipo de información ou consultar os horarios pódese visitar a páxina web www.caramuxoteatro.com

A COMPAÑÍA

Caramuxo Teatro é unha compañía de teatro infantil e familiar nada na Coruña no ano 2003, dirixida por Juan Rodríguez e Laura Sarasola. Traballa nunha liña específica na creación de espectáculos para bebés.

Caramuxo crea espectáculos poéticos e visuais axeitados para gozar en familia, tendo unha especial responsabilidade có público mais novo.

Dende os seus inicios mestura diferentes técnicas, teatro de actor, monicreques e danza.

A liña de traballo parte duns textos elaborados a partir da experiencia no eido educativo, tratando de ser un referente de producións de calidade, creando espectáculos nos que se consideren aspectos didácticos a nivel cultural ademais do artístico, que consigan a fidelización do público.