Skip to main content
Sarria

Meigas e Trasgos ten previstas varias actuacións para o vindeiro mes

Por 22 Setembro, 2022Setembro 23rd, 2022Sin comentarios

Esta asociación cultural dedicada principalmente á música e á danza tradicional, ten previsto realizar nos arredores do concello de Sarria varias actividades para o próximo mes de outubro.

Tal e como afirma a súa propia presidenta Belén Fernández Gayoso, “en principio temos confirmadas a actuación do domingo día 2 de outubro pola maña en Samos e tamén outra o día 9 con pasarrúas e posterior sesión vermú, en Sarria (con motivo da festa do Rosario)”, destaca Fernández Gayoso.

En ambos casos tratarase de actuacións cunha mestura de música e baile, aínda que agárdase que a celebrada no concello de Sarria, teña maior afluencia de xente.

A ASOCIACIÓN

Belén Fernández Gayoso, tomou o poder da asociación por segunda vez a finais de marzo deste ano de xeito provisional. Facíao xa no 2010 para evitar que Meigas e Trasgos desaparecese pero na actualidade, non só está vencellada á organización co seu papel como presidenta.

A sarriá atópase vinculada a Meigas e Trasgos dende moi nova, segue activa no grupo como profesora de baile e é unha das persoas que escenifica a danza na Noite Meiga.

A Noite Meiga leva celebrándose dende o ano 1971 e hoxe en día, conforma unha das citas máis importantes de Sarria moi ligada a esta asociación.

Celébrase na noite do último sábado de agosto na sede do Centro Cultural Meigas e Trasgos, no Parque do Chanto. Baséase nunha lenda que recolle a triste historia de amor entre un mozo e unha meiga. O mozo ingresa nun seminario como castigo por namorarse dun ser máxico e a meiga vai ao monte onde chora ata que as súas lágrimas forman o río Sarria. Pasada a media noite, realízase a Danza da Noite Meiga na que as Meigas e os Trasgos danzan con fachos arredor dunha fogueira para protexerse dos malos augurios mentres se canta un conxuro para evitar os males e que a boa sorte acompañe durante todo o ano.