Skip to main content
Sarria

A Sociedade Deportiva Sarriana acumula tres vitorias no que vai de tempada

Por 30 Setembro, 2022Outubro 2nd, 2022Sin comentarios

O clube sen dúbida está a ter un moi bo comezo nesta tempada 2022-2023 xa que acumula no seu haber tres vitorias dos partidos desputados contra o CD Unión (0-4), SD Sofan (4-1) e SDC Ordenes (0-2).

O propio adestrador da Sarriana, Edu Rodríguez, recoñece que “é complicado igualar os resultados da tempada pasada. Creo que mellor non se pode facer cando non perdes ningún partido en toda a competición. Iso fala moi ben do equipo xogando é sen dúbida é algo que perseguiremos tamén para esta nova tempada”, afirma Rodríguez.

As derradeiras xornadas nas que competirá a Sociedade Deportiva Sarriana, serán contra o CD Portomarín este domingo día 2 no estadio da Ribela e contra o Ribadeo FC o 9 de outubro.

“Sen dúbida esta tempada estamos traballando en minimizar erros, ser un equipo un pouco máis práctico e quizás non tan vistoso. Iso é un pouco o que nos fará ser capaces de conseguir mellores resultados dentro da nosa identidade, que non a imos perder por suposto nin fora da casa nin en casa”, comenta Edu Rodríguez.

Para iso, a Sarriana conta este ano con novas incorporacións entre os xogadores que buscan reforzar as posicións “que tiñamos máis débiles. O conxunto de xogadores é moi amplo xa que hai dous por posto. O ano pasado quedámonos un pouco curtos e creo que o de esta tempada é un equipo de garantías para afrontar os partidos”, afirma o presidente do club Manuel Sangil.

Entre estas novas incorporacións destacan as de Adrián Mariano Fernández Rojas (Adri) ou Javi Pita, entre outros.

Os da Ribela conseguiron a contratación de Adrián Mariano Fernández Rojas, dianteiro natural de Córdoba que procede do CD Miajadas, da Terceira RFEF estremeña. Na tempada pasada tamén formou parte do Palma do Río Atlético, que competiu na Primeira Rexional cordobesa. Entre ambos clubs disputou 27 encontros, anotando un total de 8 tantos.

E Javi Pita, conta cun longo percorrido no mundo do fútbol xa que formou parte do CD Lugo (base, filial e primeiro equipo), do Somozas, do Viveiro, do Vilalbés e do equipo de Pol. Na actualidade, continua a ser un porteiro de referencia na comunidade aos seus 31 anos.