Skip to main content
Sarria

O PP de Sarria manifesta o seu descontento pola conservación das instalacións no Malecón

Por 30 Setembro, 2022Outubro 2nd, 2022Sin comentarios

Os membros do Partido Popular de Sarria veñen de realizar continuas manifestacións polo actual estado no que se atopan as infraestruturas do Malecón.

Tal e como eles mesmos afirman no seu perfil de redes sociais, “cada poucos días, cae unha árbore no Parque do Chanto, no Malecón, ou senón no Campo do Río. O que non vemos normal é que xa nin veciños da zona nin visitantes poidan desfrutar con seguridades de paseos ou outras actividades cotiás”, destacan.

Dende o Partido Popular, critican duramente que “O Goberno municipal de Claudio Garrido non faga nada ao respecto. Somos nós os que levamos meses instando nos distintos Plenos a que se revise o estado de tódalas árbores das zonas urbanas dos ríos Sarria e Celeiro”, afirman.

“O que non queremos é que un día haxa unha desgraza persoal xa que despois non valerá lamentarse nin buscar escusas. Por iso dende aquí pedímoslle ao concello que se deixe de subir impostos e do catastrazo, de préstamos millonarios que se deixan sen pagar e que se centre verdadeiramente no benestar dos cidadáns mirando pola súa seguridade”, subliñan os populares.

Dende a dereita non só manifestan o seu descontento no referente ás árbores caídas no Malecón, senón tamén amosan o seu desacordo “co estado no que se atopa na actualidade a ponte do Toleiro e o estado no que se atopa en xeral a Vila de Sarria, que se caracteriza polo abandono e a desidia” afirman.

Os membros do Partido aseguran que “o estado da vila de Sarria non é nada comparable co doutros concellos xacobeos polos que tamén pasa o Camiño de Santiago. Nun verán especial de reactividade, encontros e gañas de saír tras tempos duros de pandemia, os nosos espazos públicos atópanse nun estado deplorable”, comentan.

“Os paseos, ríos e os espazos públicos, non teñen o mantemento mínimo esixible que merece Sarria e por suposto os seus veciños. E a imaxe que levan na retina milleiros de visitantes non se corresponde coa potencial beleza da nosa vila”, afirman os populares.

Dende o PP móstranse de acordo con que “unha vila turística epicentro do Camiño Francés como Sarria, non pode dar a imaxe que leva dando durante estes catro anos  polo desinterese municipal que amosa o alcalde Claudio Garrido”. É por este motivo instan ao concello a que tome medidas urxentes ao respecto.

OUTRAS QUEIXAS

Non é a primeira vez que membros do Partido Popular manifestan o seu descontento acerca do estado no que se atopa o concello de Sarria. No seu día, manifestáronse tamén por varios pasos de peóns que precisaban ser repintados, así como pola escalinata maior pola que diariamente percorren milleiros de peregrinos na súa andaina cara o Camiño de Santiago.

O mesmo sucedía noutras parroquias co parque infantil de Peruscallo ou coas pistas situadas na parroquia da Pinza.