Skip to main content
Triacastela

A biblioteca Camilo José Cela, en Triacastela, acolle unha mostra sobre a historia da Cova Eirós

Por 13 Setembro, 2022Setembro 14th, 2022Sin comentarios

Situada na casa consistorial de Triacastela, esta exposición inclúe textos, fotografías e infografías cun total de 19 paneis informativos que buscan dar a coñecer ao público o xacemento da Cova Eirós do xeito máis próximo posible.

A mostra poderase visitar en Triacastela de forma indefinida.

A Cova Eirós, pertencente ao concello de Triacastela, é a primeira cova en todo o noroeste peninsular onde se levan atopadas manifestacións de arte rupestre do período paleolítico.

Entre o material recuperado nas escavacións, atópase moita industria lítica e moita fauna. O obxectivo das mesmas foi acadar en toda a superficie do sector da entrada os niveis de paleolítico medio cunha antigüidade de 80.000 anos, así como terminar a análise nos niveis de paleolítico superior.

No interior da cova, os arqueólogos ocupáronse este pasado mes de agosto de revisar os paneis e motivos artísticos para cerrar calcos e poder estudalos máis en profundidade e tamén de revisar algúns sectores da cavidade na busca de novos motivos.

DENDE 2008

As investigacións no entorno da Cova Eirós, forman parte do proxecto Ocupacións humanas durante o Pleistoceno na cunca media do Miño, dirixido polo historiador Ramón Fábregas e coordinado por Arturo de Lombera e Xosé Pedro Rodríguez. Dende 2008, desenvolvéronse un total de seis campañas de escavacións na cova e na entrada xa se localizaron varios niveles de ocupación do Paleolítico Medio e Superior, cunha antigüidade que oscila entre os 85.000 e os 35.000 anos, así coma restos da Idade de Bronce e o medievo.