Skip to main content

Por Rebeca Maseda

Existe un lugar misterioso onde todo parece ter dúas caras, unha verde e outra  marrón. Alí a natureza dos fenómenos climatolóxicos tórnase caprichosa, como se quixera  dicirnos algo… Esa dualidade ten algo de máxico que te atrapa sen poder parar de observar cada recuncho, cada carreiro, cada folgueira xigante.

O Parque Rural de Anaga ocupa gran parte do macizo montañoso situado no extremo  nordeste de Tenerife. Cunha extensión de 14.419 hectáreas, abarca unha zona importante da  illa e sitúase entre os municipios de La Laguna, Santa Cruz de Tenerife e Tegueste. Trátase  dun espazo abrupto con excepcionais valores naturais e culturais que conta con paisaxes de  gran harmonía e beleza, froito da coexistencia do ser humano e a natureza nun territorio  agreste, algo que parece imposible nos tempos que corren.

Anaga ofrece un panorama espectacular e unha gran diversidade natural resultado da  propia orografía e pola existencia de diferentes ambientes que van desde o máis húmido e  chuvioso nas partes altas, ata aqueles de elevada insolación e escasa pluviometría, dando  lugar a esa dualidade de verdes e marróns. Esta diversidade climatolóxica favorece o  asentamento dunha natureza rica e variada, un abano de comunidades que alberga  numerosas especies animais e vexetais, moitas delas endémicas da zona. Entre os hábitats  naturais de Anaga atópanse algunhas das mellores manifestacións dos ecosistemas canarios,  destacando polo seu bo estado de conservación os bosques de “laurisilva” dos seus cumios,  os “sabinares” como o de Afur ou os “cardonais tabaibales” do extremo oriental do macizo.

Actualmente viven máis de 2.000 persoas nos 26 núcleos de poboación do Parque, a  pesar da orografía abrupta e das dificultades. Nos primeiros séculos, trala conquista,  floreceron pobos como Taganana, cunha economía de exportación de produtos como a cana  de azucre ou o viño. Posteriormente, as terras de Anaga dedicáronse a produtos de  subsistencia e de abastecemento interior, unha tarefa ardua que requiriu o esforzo de  construír e manter os bancais nas ladeiras abruptas; de producir en condicións de sequeiro e  de ter logo que transportar os produtos a través das montañas para abastecer a La Laguna ou  a Santa Cruz.

Anaga provén do nome do “menceyato guanche” (Menceyato de Anaga) existente no  lugar antes da conquista castelá. Por aquel entón, Tenerife estaba dividida en nove  menceyatos e á fronte de cada un deles había un “mencey” ou rei guanche, sendo Beneharo  o de Anaga en tempos da conquista no século XV. Esta zona da illa é un dos lugares máis ricos

en achados arqueolóxicos de Canarias. Entre eles destaca a “Momia de San Andrés”, unha das  momias guanches mellor conservadas, hoxe exposta nas vitrinas do Museo da Natureza e o  Home en Santa Cruz. Así mesmo, atopáronse máis momias nas “Ladeiras de Icorbo”, no  “Roque de Tierra” e na Cova Vegeril. Ademais, apareceron covas con algúns restos de animais  momificados e unha pedra con gravados guanches, a “Pedra de Anaga”. Tamén resulta moi  interesante a chamada “Pedra dos Guanches” ou “Pedra de Taganana”, un xacemento  arqueolóxico asociado ás prácticas de momificación dos aborixes guanches que se atopa no  sendeiro que vai de Taganana a Afur.

Como non podía ser doutro xeito, Anaga é fonte de lendas e historias repletas de  misticismo. Poñamos por exemplo aquela que relata de onde provén o nome da zona  montañosa coñecida como “El Bailadero”, chamado así porque supostamente era o lugar  onde as bruxas facían aquelarres e bailaban ao redor dunha fogueira. Ou a da “Praia das  Bruxas”, onde o pirata “Cabeza de Perro” escondeu un tesouro nos cantís próximos a Igueste  de San Andrés. Ou a da Princesa Cathaysa, que segundo relatan as crónicas, viviu na zona de  Taganana e foi vendida polos casteláns como escrava en 1494.

E así poderiamos seguir eternamente… Está claro que Anaga agocha segredos que só  poden ser murmurados á orella, moi suave, no luscofusco.