Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación organiza actividades nas residencias no Día Mundial do Alzhéimer

Por 23 Setembro, 2022Setembro 24th, 2022Sin comentarios

Os usuarios e usuarias dos 7 Centros de Atención a Maiores recibiron o caderno Poñémoslle cor e participaron nun concurso de fotografía no que presentaron un cento de imaxes da provincia.

Residentes e traballadores da rede de Centros de Atención a Maiores (CAM) da Deputación de Lugo realizan estes días diferentes actividades organizadas pola institución provincial con motivo do Día Mundial do Alzhéimer. Entre as diferentes actividades organizadas, as persoas usuarias recibiron o caderno Poñémoslle cor, participaron nun concurso fotográfico no que presentaron 100 imaxes, e no centro de Pol deron visibilidade a enfermidade a través do Lazo do Recordo.

O obxectivo destas actividades de estimulación cognitiva é traballar a creatividade, reducir o estrés, mellorar as capacidades motrices e tratar de fomentar a comunicación entre os residentes dos centros de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira.

A Deputación de Lugo repartiu entre os residentes máis de 200 cadernos de Poñémoslle cor, que elaborou Nazario, un usuario do CAM de Pol, xunto con persoas usuarias da Asociación de Saúde Mental da Mariña. Outra das actividades realizadas con motivo do Día Mundial do Alzhéimer foi a segunda edición do concurso fotográfico Lugo Noso. O Noso Lugo, que reuniu 100 imaxes feitas polos residentes de diferentes recunchos da provincia. A fotografía gañadora será a portada do seguinte número da revista elaborada polos Centros de Atención a Maiores da institución provincial.

Baixo o lema O Lazo do Recordo, a residencia de Pol colocou un gran lazo na fachada do centro no que as persoas usuarias e traballadoras escribiron cousas que non queren esquecer. Tamén realizaron un vídeo no que transmiten todos eses recordos que queren preservar.

Un modelo centrado nas persoas

A Deputación ten en funcionamento na actualidade 7 residencias na provincia: Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira. A institución conta cun modelo asistencial centrado nas persoas, con pequenos centros públicos nos que hai unha ratio de case un traballador por usuario e que permite que as persoas poidan permanecer no concello ou comarca na que pasaron toda a súa vida, rodeadas de caras coñecidas e residindo con veciños e veciñas. Un feito que mantén o arraigo á súa terra, nun centro público no que reciben unha atención próxima e de calidade, tendo en consideración que estas características intrínsecas do modelo afectan moi positivamente ao seu benestar físico e emocional.

Antes de finalizar o ano, a institución provincial porá en marcha os Centros de Atención a Maiores de Navia de Suarna e Ribas de Sil. Ademais, sigue traballando nos proxectos que están en marcha, como son os de Guitiriz, A Pontenova, Portomarín, Pantón, Cervantes, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol e Folgoso do Courel.