As persoas interesadas en participar poderanse anotar ese mesmo día, sempre que sexa antes do inicio da poxa, polo que é aconsellable chegar con antelación.

A Deputación de Lugo organiza para o vindeiro luns, 3 de outubro, unha poxa pública de animais da Granxa Gayoso Castro. A poxa arrancará ás 10:00 horas no aulario da granxa provincial, situada en Castro de Ribeiras de Lea.
Sacaranse á venda 33 animais: 28 vacas de raza pinta e 5 touros de raza cachena reprodutores. As persoas interesadas en participar poderanse anotar ese mesmo día, sempre que sexa antes do inicio da poxa, polo que é aconsellable chegar con antelación.
A institución provincial organiza este tipo de poxas co obxectivo de mellorar as explotacións gandeiras da provincia, contribuíndo á súa rendibilidade e a asegurar tamén a supervivencia das razas autóctonas.
A Deputación de Lugo converteu a Granxa Gayoso Castro nun centro de referencia a través da recría, a formación, a innovación e a investigación vinculadas á gandería. Trátase dun dos piares máis importantes do apoio da institución provincial ao sector primario da provincia, tanto á actividade agrogandeira e forestal como do mar, un compromiso que tamén se materializa noutras accións innovadoras e pegadas á realidade que a Deputación impulsa en colaboración co tecido produtivo e coa Universidade para xerar actividade económica e emprego sostible no rural.