Skip to main content
Cospeito

A Vicepresidencia da Deputación negocia obter a propiedade publica da totalidade de Caldaloba

Por 8 Setembro, 2022Sin comentarios

A Deputación de Lugo remitiu ao Concello de Cospeito un escrito solicitando información sobre o proxecto de expropiación da Torre de Caldaloba, cuxo anuncio se publicou o pasado 16 de agosto no Boletín Oficial da Provincia e que afectaría á parcela adquirida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

No documento, constátase que, malia ser parte interesada, a institución provincial non recibiu ningún documento que acredite a aprobación polo Pleno do Concello do proxecto no que se apoia e xustifica o expediente de expropiación nin a exposición pública do proxecto, dous trámites que require a normativa sobre expropiacións forzosas.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro explicou que “seguimos traballando tanto na vía administrativa como na vía política para acadar a propiedade pública da totalidade da Torre e da súa contorna de protección e desenvolver un proxecto de recuperación, consolidación e posta en valor que reflicta a súa importancia patrimonial, histórica e simbólica para Galiza”

Maite Ferreiro lembrou que “o pasado 17 de agosto solicitamos unha reunión co conselleiro de Cultura Román Rodríguez para coñecer cal é o posicionamento da Xunta de Galiza sobre a adquisición da Torre da Caldaloba, despois de que no seu día renunciara ao dereito de tanteo e retracto diante do Concello, e abordar vías de colaboración para desenvolver un proxecto que, ademais do interese patrimonial, contribuirá á dinamización económica, turística e social da comarca”

Neste sentido, anticipou que “unha vez resoltos os atrancos administrativos creados polo expediente de expropiación do Concello, desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo estamos en disposición de contratar de xeito inmediato a consolidación da estrutura da Torre para evitar que continúe o seu deterioro e prever derrumbes ou danos que poidan afectar á seguridade do edificio e das persoas que o visitan”.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou o pasado 29 de xullo a adquisición dunha das parcelas nas que se ubica a Torre de Caldaloba: unhas dúas hectáreas de terreo que inclúen a metade da edificación -53 metros cadrados de planta e as fachadas noroeste e suroeste- e o sistema de fosos e contrafosos defensivos do perímetro da edificación.