Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Friol ten en marcha o campo de voluntariado internacional Friulio

Por 2 Setembro, 2022Setembro 3rd, 2022Sin comentarios

O pasado domingo día 28 de setembro chegaron a Friol un grupo de rapaces e rapazas para participar no campo de voluntariado “Friulio”. Esta actividade está subvencionada pola Consellería de Política Social, e en concreto a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e xestionada e organizada polo Concello de Friol, a asociación local A Castronela e a empresa Avada.

Durante estas xornadas inténtase poñer en valor e axudar a desenvolver unha actividade, como é o Friulio, que nos achegará ao noso pasado mediante visitas teatralizadas, accións puntuais de restauración, sinalización e consolidación das estruturas do Castro Friulio, a plantación dun bosque de árbores autóctonas polo paseo fluvial ata o poboado, así como a creación dun spot/curtametraxe de divulgación sobre o proxecto.

Farán talleres de elaboración de queixo e pan, no propio Castro Friulio, onde cocerán o pan no forno que alí construíron os integrantes da asociación A Castronela.

TRABALLOS

Ademais realizarán distintas excursións e visitas a puntos interesantes do Concello de Friol e da súa contorna.

Con esta iniciativa o que se pretende é que esas persoas que vaian participar poidan coñecer a Galicia interior, especialmente o concello de Friol e a súa contorna, coñecer unha das súas maiores festas de recreación histórica, que é o Friulio, implicarse no mantemento e posta en valor do patrimonio cultural, etnográfico, arqueolóxico e artístico, e tamén fomentar valores de traballo en equipo e solidariedade.

O alcalde de Friol, Jose Ángel Santos, quixo agradecer a implicación da Consellería de Política Social, e en concreto á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, por fomentar este tipo de iniciativas de lecer para os mais novos, e por conceder ao Concello de Friol este campo de voluntariado e resaltou que “están sendo uns días moi interesantes para os nosos veciños e veciñas que ven a este grupo de persoas traballar no pobo e interactúan con eles, e tamén para estes participantes no campo de voluntariado, que están coñecendo e colaborando coa nosa recreación histórica “Friulio”, en particular, e con todo o municipio de Friol, en xeral”.