Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

O PP de Friol defende o traballo dos GES

Por 29 Setembro, 2022Sin comentarios

O PP demandou no pasado pleno provincial unha maior implicación da Deputación nos Grupos de Emerxencias Supramunicipais. “No debate, o presidente, José Tomé, e os portavoces socialista e nacionalista incorreron en agravios aos profesionais deste servizo”, din dende o PP. Por iso, o seu portavoz na Deputación, Javier Castiñeira, quixo facer chegar, dende Friol, o total respaldo dos populares aos traballadores dos GES, así como a plena confianza na súa profesionalidade.

Castiñeira explica: “No día de hoxe acercámonos ao Concello de Friol e xunto co alcalde, José Ángel Santos, visitamos ás instalacións do GES neste municipio. Quixemos mostrar aos membros deste Grupo de Emerxencia Supramunicipal, recentemente montado,  o noso apoio e a máxima confianza; apoio e confianza a eles e a todos os membros dos GES da provincia. Lamentamos que no debate de onte da moción presentada polo PP para pedir máis implicación, o goberno (PSOE e BNG) e,  especialmente o presidente Tomé, puxeran en dúbida a profesionalidade destes grupos”. Sinala: “Pedimos unha rectificación inmediata por parte do presidente, que insinuou que os GES non están dedicados  todo o seu tempo ás súas atribucións e que incluso fan traballos a particulares. Lamentamos estas manifestacións do presidente e esperamos que corrixa ou, en todo caso, denuncie se coñece algún caso no que se faga tal cousa. No PP entendemos que iso é unha ocorrencia máis do presidente da Deputación, ao que se ve excesivamente alterado nestes últimos días”.

O portavoz popular destaca que “o presidente Tomé acusou aos GES de falta de formación, o que significa que descoñece totalmente como funcionan”. Castiñeira declara: “Ademais de inaceptables, as declaracións de Tomé son totalmente falsas, sen fundamento ningún, e demostran o nulo coñecemento do servizo público que están a prestar estes grupos, moi especialmente nas zonas rurais, onde moitas veces son os primeiros en acudir á chamada do 112, procedentes de domicilio nos que hai persoas que precisan axuda; axudas de todo tipo se están a cubrir, dende eliminación de niños de velutinas a accidentes de tráfico, incendios e todo tipo de emerxencias”.

Os populares indican que, despois do pleno do martes, xa saben “porque Tomé non se compromete coa modernización dos GES (como fixeron noutras provincias), a Xunta de Galicia e os concellos que son base de GES, como é o de Friol”. Engade: “Sabemos que é un problema de falta de coñecemento do servizo e de que o señor Tomé  cumpre ordes do señor Formoso, presidente da Deputación de A Coruña, que tampouco se comprometeu con estes grupos e a súa modernización”.

Pola súa parte, o alcalde de Friol, José Ángel Santos, deputado provincial que defendeu na Deputación a moción popular, sinalou hoxe: “Demandamos xestión ao presidente da Deputación. Despois de tres anos de estar de vacacións, só pedimos que vele polos intereses e pola mellora dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais, formados, profesionalizados e necesarios para o día a día da convivencia entre veciños e para que estean protexidos fronte ás emerxencias, con tempos de resposta minimizados comparados cos dos parques de bombeiros que abarcan zonas moi amplas”. Manifestou tamén: “Estes grupos están máis próximos ao día a día da poboación, polo tanto o tempo de resposta é o mínimo, menos incluso dunha media de vinte minutos que é o que demanda a Lei de Emerxencias”.

Os populares, di José Ángel Santos, demandan “ao señor Tomé implicación e colaboración para que os GES teñan melloras no ámbito laboral e nos medios para que poidan facer o seu  traballo da maneira máis eficaz posible, para atender aos veciños”. Santos resume: “É precisa implicación, colaboración e xestión do señor Tomé, algo que ata agora non fixo e que reclamamos que faga neste final de mandato”.