Skip to main content
GuitirizMeira

Concentración en Parga pola reapertura do centro de saúde e recollida de firmas en Meira

Por 19 Setembro, 2022Setembro 20th, 2022Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego participou na concentración pola reapertura con plenas garantías do centro médico de Parga e a recuperación dos servizos sanitarios no concello, organizada pola plataforma veciñal Parganonsedivide.

Ante os derradeiros anuncios da Xunta, a veciñanza aínda non coñece con que servizos vai contar, nin como vai ser o funcionamento do servizo neste centro.

Neste senso, a deputada do BNG no Parlamento galego, Carme Aira, que participou na concentración, anunciou “o BNG presentará, de novo, iniciativas no Parlamento galego para aclarar cal vai ser o futuro do consultorio de Parga e a situación do persoal facultativo que vai atender á veciñanza”.

MEIRA

Pola súa banda, en Meira o Bloque Nacionalista Galego instalou na feira do domingo unha mesa informativa e de recollida de sinaturas para apoiar a Iniciativa Lexislativa Popular pola Atención Primaria da plataforma SOS Sanidade Pública.

Contou coa participación da deputada do BNG por Lugo no Parlamento galego, Olalla Rodil, a que estivo acompañada polo concelleiro do BNG en Meira, Felipe Nieto e diversos militantes e simpatizantes da organización na localidade.

A deputada Olalla Rodil declarou “desde o BNG apoiamos esta iniciativa fundamental para frear o desmantelamento e a privatización dos nosos servizos sanitarios, por isto, animamos á veciñanza a que participe e asine esta ILP”.

Esta ILP demanda impulsar medidas urxentes para o fortalecemento dos servizos de atención primaria, como por exemplo, a eliminación das listas de agarda, garantir a presencialidade ou mellorar a estrutura e o funcionamento dos centros de saúde.

Carme Aira subliñou “é indecente a lixeireza da Xunta coa nosa saúde e a vulneración do dereito á saúde, hai que subliñar que este centro médico leva pechado máis de dous anos e a veciñanza de Parga merece uns servizos sanitarios dignos e con todas as garantías”

Ante isto, a deputada destacou “a veciñanza debe de coñecer cal vai ser o funcionamento, mais a premisa é que se reabra con todos os servizos ao completo e co mesmo persoal facultativo ao que estaba funcionando”