Skip to main content
Muras

Muras acollerá o 25 de setembro unha nova edición da Feira do Poldro

Por 13 Setembro, 2022Setembro 14th, 2022Sin comentarios

Muras prepárase para celebrar a Feira do Poldro, unha das citas máis destacadas do seu programa cultural, que recupera a programación prepandemia e que reúne un ano máis a colaboración das distintas institucións. Unha delas é a área de Medio Rural da Deputación, á fronte da que está Mónica Freire, que explica o apoio da súa institución a proxectos deste tipo.

Muras vivirá o día 25 de setembro unha nova edición dunha das celebracións máis populares do Concello, a Feira do Poldro e do Gando do Monte na Gañidoira, que este ano chega á XXXIV edición como Festa de Interese Turístico Galego, título obtido no ano 2019.

A festa manterá a estrutura de anos anteriores. Así, o domingo será o día grande da feira. A actividade dará comezo pola mañá cedo coa chegada do resto dos animais aos curros e co comezo do concurso de gando que organiza o Concello.

Na programación, aínda sen determinar haberá carreiras, tanto para afeccionados como federadas o mesmo que a entrada dos cabaleiros á feira desfilando, organizado pola asociación Atila. Non faltará a música e os xogos máis dirixidos aos pequenos.

Outro dos éxitos da xornada será a degustación de hamburguesas e chourizos de poldro a cargo de Puraga, que non podía faltar un anoa máis e que nas ocasións anteriores esgotaron existencias.

Contarán tamén con outras actividades paralelas, como os paseos a cabalo, así como exhibicións, que se darán a coñecer nos próximos días.

A organización do evento, a cargo do Concello de Muras, conta co respaldo de dúas asociacións locais, Puraga e Atila, así como da área de Medio Rural da Deputación provincial e da Xunta de Galicia.

A Feira foi suspendida só un ano, xa que no 2021 celebrouse aínda que con moitas restricións debido a existencia aínda de gromos de covid.

“As feiras son unha oportunidade para sensibilizar a toda a sociedade”

Mónica Freire, responsable da área de Medio Rural da Deputación provincial

Que evolución lle ve nos últimos anos a esta feira?

Tanto dende o Concello de Muras como dende a propia asociación de gandeiros Puraga veñen realizando un extraordinario traballo nas sucesivas edicións da Feira do Poldro e do Gando de Monte, que ano a ano xenera un importante movemento de animais e de ganderías, con exemplares, criadores e criadoras que proceden de diferentes puntos de Galiza, para participar tanto na compra e na venda, como nos certames e actividades incluídas na programación da feira. Muras, e os concellos do Xistral, constitúen un espazo de referencia no gando cabalar do país, e a feira xoga un papel fundamental na proxección desta riqueza natural, cultural e patrimonial.

Que é o que máis destacaría?

Observamos con moito interese as actividades que se desenvolven ao redor do propio mercado gandeiro para promocionar a carne de poldro, que conta con cualidades nutricionais e organolépticas moi destacadas e aínda descoñecidas por unha parte da sociedade. Afondar nesta vía de comercialización da carne ten que contribuír ao propio sostemento das ganderías.

E tamén resulta interesante achegarse aos certames e ás probas deportivas, porque son actividades que, atraen a gandeiros e gandeiras novas, que son os que deben garantir a continuidade da gandería e tamén da actividade deportiva, lúdica e cultural arredor do mundo do cabalo, así como a afeccionados que atopan na feira un punto de xuntanza para compartir a súa paixón.

Como se valoran esta clase de eventos?

Nós entendemos que as feiras gandeiras teñen un impacto moi positivo, en diferentes eidos. A actividade económica local derivada da compra e venda de exemplares e dos produtos alimentarios xera un dinamismo no propio sector. Tamén contribúen á promoción das localidades ou dos concellos nos que se celebran e ao mantemento das tradicións. Pero máis aló da repercusión económica por estas vías, entendemos que as feiras son unha oportunidade para sensibilizar a toda a sociedade, non só ás persoas que viven e traballan no sector, sobre o valor ambiental, social e cultural da gandeiría e dos sistemas tradicionais de cría no monte. É importante que percibamos a importancia desta actividade para o equilibrio territorial e de coexistencia coa diversidade animal nos nosos montes e para unha produción alimentaria de calidade e proximidade.

Que supoñen para a provincia?

Temos un importante número de citas gandeiras por toda a xeografía. Xeralmente, son eventos que van incorporarndo xunto ao propio mercado outras actividades lúdicas e culturais, para xerar interese de todos os públicos. Como dicía, consideramos que a súa continuidade ten unha repercusión moi positiva tanto no propio sector, como na sensibilización respecto do papel da gandería extensiva e do vital papel que os pastores e gandeiros xogan no mantemento do territorio, da súa paisaxe e da biodiversidade animal e vexetal endóxena de cada rexión.

Estase a fomentar a conservación do medio rural dende a Deputación?

O futuro do medio rural pasa necesariamente por manter a poboación e a actividade económica, e para iso son precisas políticas públicas que superan as competencias e os recursos dunha institución provincial e que teñen que ver cos servizos públicos, coas infraestruturas, coa creación dun marco que asegure a rendabilidade das actividades agrogandeiras. Dende a área de Medio Rural, centrámonos nestes anos en desenvolver accións encamiñadas a mellorar a ordenación do territorio e a prevención de incendios, a través do programa “O que non arde”, e, por outra, co reforzo do tecido produtivo, con inicitiavas como a plataforma de comercio electrónico para a venda en liña “Son de Lugo” ou o programa “Da Escola á Granxa”, e o apoio económico e técnico ás asociacións de produtores.

Como se poden seguir impulsando este tipo de feiras?

Seguirá sendo fundamental o apoio das institucións, e desde a área de Medio Rural mantemos a nosa disposición a colaborar coas asociacións gandeiras e, especialmente, coas iniciativas que aposten polas razas autóctonas e os modelos produtivos extensivos adaptados ao territorio, como vimos facendo ate agora. Pero calquera proxección vai ligada ao futuro do medio rural. Estas feiras terán sentido na medida en que sexamos capaces de manter un rural vivo.