Skip to main content
Axenda CaducadaMuras

Muras acolle o domingo a Feira do Poldro

Por 22 Setembro, 2022Setembro 25th, 2022Sin comentarios

Muras celebrará o vindeiro domingo a trixésimo cuarta edición da Feira do Poldro e do Gando de Monte, co apoio de Medio Rural da Deputación de Lugo. A deputada Mónica Freire e o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, acompañados por Isabel Casariego de Puraga, o tenente alcalde murés Mario Rouco e Benigno Gómez, presidente de Atila Amigos dos Cabalos, presentaron o programa da feira, que promociona a tradición gandeira do concello e do Xistral, que concentra unha parte importante do gando cabalar do país.

Manuel Requeijo destacou a variedade do programa que suma “ao mercado de compra e venda de gando cabalar e vacún diferentes actividades e espectáculos para divertir e entreter a todas as persoas que non teñan un interese directo na gandeiría” e avanzou que “o Concello está a traballar para que a Feira, que é de Interese Turístico Galego, sexa distinguida como Feira de Interese Turístico Nacional”.

O alcalde murés tivo palabras de recoñecemento para “as gandeiras e gandeiros que se implicaron na feira ao longo dos anos, que son parte fundamental de que hoxe poidamos falar dunha feira consolidada e de referencia en Galicia”. Varios dos seus testemuños recóllense nun vídeo que se difundirá a través das redes sociais do Concello de Muras a partir desta tarde.

A deputada de Medio Rural Mónica Freire ratificou o apoio á Feira e valorou a súa “repercusión no ámbito económico e produtivo”, pero tamén “a oportunidade que supón para sensibilizar a toda a sociedade, non só ás persoas que viven e traballan no sector, sobre o valor ambiental, social e cultural da gandería e dos sistemas tradicionais de cría no monte. É importante que percibamos a importancia desta actividade para o equilibrio territorial e para unha produción alimentaria de calidade e proximidade”, apuntou.

Isabel Casariego repasou as actividades que se levarán a cabo desde Puraga para dar a coñecer os animais de Pura Raza Galega como un concurso morfolóxico, carreiras de cabalo marchador e bautismo hípicos , e puxo énfase en convidar “á degustación gratuíta de carne de poldro que se ofrecerá na Feira”, e coa que pretenden promocionar o consumo deste produto, que se comercializa co selo 100×100 Raza Autóctona.

Pola súa banda, Benigno Gómez, deu conta da ruta que organizarán desde a Atila Amigos dos Cabalos, con saída desde Muras cara ao Alto da Gañidoira, onde se sumarán á Feira.

PROGRAMA

A feira abrirá ás 10.00 horas coa cualificación do gando. Serás ás 11.00 horas cando se inicie o concurso morfolóxico  de Puraga ao mesmo tempo que abrirá a exhibición de canteiría tradicional, seguida da de escultura de madeira con motoserra.

Ao mediodía degustarase como todos os anos a hamburguesa Gañidoira de carne de poldro xunto coas carreiras de cabalo marchador. Pola tarde terán lugar as carreiras da asociación Atila (ás 16.00 horas) e a Federada ás 17.00.

Rematará a sesión coa entrega de premios. Por unha banda aos tres primeiros clasificados en cada carreira con dúas categorías, con alzada superior a 1,50 e con inferior a esa medida. Oscilan entre os 125 dos primeiros a 75 dos terceiros.

Tres premios tamén para a mellor cría de cabalos do ano, o mellor semental bovino, mellor lote bovino, mellor cría bovina, mellor semental cabalar, mellor egua, mellor lote cabalar e maior número de cabezas de gando. O montante será de 150 euros para os primeiros, 100 para os segundos e 75 para os terceiros.

Os premios están ao cargo do Concello de Muras.

Ademais, están previstas outras actividades infantís de balde como un bautismo hípico de 12.00 a 14.00. horas e de 16.00 a 18.00 horas, e inchables e toro mecánico de 11.30. 14.30 horas. Non faltará tamén a animación musical.