Skip to main content
Muras

“Necesitaríamos que nos facilitaran a adquisición de terras abandonadas”

Por 25 Setembro, 2022Setembro 26th, 2022Sin comentarios

Antón Vázquez Corral é o director técnico de Puraga.

Unha das asociacións vinculadas á organización da Feira do Poldro é Puraga, Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega, que realiza varias actividades na mesma. Antón Vázquez é o seu director técnico.

Cando naceu a asociación?

Puraga nace en outubro de 2005. Polo tanto son xa 17 anos nos que vimos todo o proceso, dende medir os cabalos, mirar fotos, buscar reseñas históricas, poñerlles michochiops, etc. De feito, isto nós o fixemos antes de que fora olbigatorio. Tiñamos xa unha base de datos de case mil cabalos cando a administración empezou a obligalo, tamén cando se empezaron a cobrar as subvencións por ter eses animais, porque as razas autóctonas veñen por unha liña de traballos da Unión Europea para conservar a diversidade xenética. Unha historia de 17 anos na que pasamos de ter un exemplar rexistrado a ter 1.700 que son os que temos agora.

En que situación están agora?

Vivimos momentos para o gando equipo malos. Tivemos estas crises hai 8 e 10 anos onde eran animais nada apreciados pero no momento actual si hai unha demanda por parte do mercado. Eso coincidiu coa entrada do microchip, coa profesionalización do gandeiro, do criador, e iso repercute nunha trazabilidade, nunha sanidade e nun benestar importantes de cara a vender nun prezo.

Cal é o obxectivo da asociación?

O obxectivo principal de Puraga é a conservación do cabalo e pura raza galega e dos seus sistemas de cría tradicional porque entre outras cousas teñen un gran impacto ambiental positivo. Falamos aquí de semiliberdade e con todo o que implica o cabalo no monte, ese manexo peculiar, as rapas, as feiras, o vocabulario, as tradicións… E tamén buscamos dignificar a tarefa do gandeiro na conservación deste recurso xenético.

Canta xente pertence á Puraga?

Actualmente forman parte de Puraga máis de cen socios, repartidos polas catro provincias galegas pero onde máis hai é en Lugo.

Que actividades realizan durante todo o ano?

A liña principal de traballo de Puraga é o fomento da carne. Porque producimos unha carne de gran calidade, porque estamos a fixar poboación no rural, porque estamos a crear emprego no rural, porque a nosa mabeira de criar cabalos é beneficiosa para o medio ambiente, non é que sexa sostible ou ecolóxica, non, é que é beneficiosa. De feito nos lugares onde se crian cabalos e están ben xestionados, xenéranse paisaxes de maior diversidade, ademais do control da biomasa e o control de incendios. Pero tamén traballamos noutras liñas, como as deportivas. Estamos moi orgullosos dun proxecto que estamos sacando que é o cabalo marchador galego, que é empezar cunha nova raza de cabalos que existía en Galicia, son como o galego, pero un pouco máis grandes, que se criaban nas casas e que teñen ese paso tan característico e recoñecido en Galicia como é a andadura. Tamén facemos demostracións morfolóxicas, degustacións de carne, showcookings, sorteos por internet, ademais da levanza do libro xenealóxico da raza, xa que somos a única asociación recoñecida oficialmente para isto, e a certificación de todo o número de cabezas para que os gandeiros podan cobrar a súa axuda.

Notaron un crecemento na afiliación da asociación?

O número de cabezas de gando galego aumenta de dúas formas, porque un gandeiro teña máis cabalos, que é raro, ou aumenta porque hai gandeiros novos que se van metendo. Cada ano vén habendo un aumento de ganderías para que aumente o número de cabalos, máis ou menos 100 exemplares ao ano. Hai que ter en conta que estamos a falar dunha raza en perigo de extinción que si conseguíramos mantela xa estaríamos a un bo nivel, pero aumentamos.

De cara ao futuro que proxectos teñen?

Temos a idea de seguir promocionando o noso selo de calidade, cen por cento raza autóctona, seguir traballando co cabalo galego nalgunha liña de deporte e seguir co cablo marchador galego. No futuro breve queríamos facer unha campaña na Coruña para promover o consumo de carne de poldro como produto de temporada, porque o poldro nace en primavera e debe ser consumido en outono.

Que supuxo e supón a covid para a asociación?

O covid no rural non foi tan agobiante como nas cidades, notouse un certo baixón nas vendas, sobre todo na hostalaría pero non somos nós os máis prexudicados.

Contan con axuda para manter a asociación activa?

Contamos cunha axuda da Consellería de Medio Rural para manter o libro xenealóxico e cun convenio coa mesma con fondos Feader para a promoción da raza. Con estas axudas temos contratados unha veterinaria fixa todo o ano e en momentos de máxima cantidade de traballo contratamos outra persoa máis.

Que necesidades se lles plantexan?

Necesitamos que a xente entre a consumir a carne de cabalo, que entenda que é un produto de tempada, que entenda que comendo ese cuarto de quilo de cabalo ao ano chegaríanos para vender toda a produción. Para criar un poldro fai falta unha hectárea de monte, cun cuarto de quilo limpas un ferrado ou dous. Ademais, necesitaríamos que se facilitara a adquisición de terras abandonadas para os gandeiros, se instigara aos propietarios para que as teñan a un prezo razoable e dende a Xunta se redefinise o concepto de pasto bustivo.

Que vinculación lles une á Feira do Poldro?

Sempre estivemos viculados a esta feira, sempre imos ás feiras de cabalos, pero en Muras era como xogar na casa, porque aquí casi todo o mundo ten cabalos e é onde máis socios temos é iso que Muras non é un concello moi poboado. Os gandeiros que máis animais teñen sempre son socios de Puraga. Pouco a pouco, desde estes últimos anos dende o Concello contouse con nós, botóusenos unha man para ir facer concursos morfolóxicos, degustacións de carne, temos feito excursións para que a xente vira como se crían os cabalos en Muras.

Que relación ten o cabalo con Muras?

Puraga nace en Muras, é onde temos máis socios. Sempre hai alguén de Muras na directiva da asociación, de feito, temos sido ata catro persoas á vez na xunta directiva. Entre os oito fundadores da xunta directiva, catro son de Muras. De feito, a sede social está en Muras.

Como lles vai afectar o cambio climático?

Por un lado deberíase recoñcer o importante papel que teñen os cabalos na conservación dos montes e como prevención de incendios, como a maneira máis barata de desbrozar un monte. Así que por un lado temos o cabalo como ferramenta de control de incendios. Ademais, os cabalos sempre foron de tamaño pequeno, que se podían manter con forraxe de baixa calidade nutricional, basicamente con toxo, se o cambio climático segue nesta liña e a guerra continúa, pois imos ter que botar man deses xenes que se están extinguido. É posible que o cabalo galego sexa unha ferramenta que fumos capaces de conservar para agora volvernos adaptar ás novas condicións climáticas.