Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Un convenio permitirá ampliar servizos na Escola de Kárting de Outeiro de Rei

Por 12 Setembro, 2022Sin comentarios

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, presentou onte en Outeiro de Rei o acordo de colaboración entre Galicia Calidade, dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e a Escola de Karting IRT, que contribuirá a mellorar e ampliar os servizos e as actividades que se desenvolven na escola co fin de fomentar o deporte do karting para nenas e nenos de todo o territorio galego.

Heredia destacou o esforzo desta escola pola inclusión da muller neste deporte, no que tentan fortalecer a participación de nenas e rapazas, desde os 4 ata os 12 anos, empregando karts de todas as categorías posibles. Durante os cursos de karting, que se desenvolven en diferentes circuítos de Galicia, impártense contidos relacionados coa seguridade, as prácticas e a mellora da condución en pista, a formación técnica dos vehículos e actividades tanto físicas como de ocio e xogos para os nenos.

A Escudería IRT ten actividade como equipo de karting desde o ano 2007, participando en carreiras sociais e no Campionato Galego de Karting (CGK). Desde o ano 2017 organiza conxuntamente coa empresa Karting Marineda a Factoría de Pilotos, unha selección de nenas e nenos cuxo premio é participar no CGK.

Sobre Galicia Calidade

Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con 148 empresas adheridas, con máis de 760 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.