Skip to main content
A Pastoriza

O PP da Pastoriza reclama a falta de conserxe no colexio da Pastoriza

Por 17 Setembro, 2022Sin comentarios

O PP da Pastoriza lamenta que “unha semana despois de comezar o curso escolar 22/23, o colexio da Pastoriza continúe sen conserxe municipal”. Para os populares isto débese “á total falta de planificación por parte do goberno local que debería ter xa incorporado a unha persoa para desempeñar esa función”.

Os populares da Pastoriza entenden “as queixas de pais e nais de alumnado deste centro escolar por non dispoñer deste servizo” porque “todos sabemos que a comezos de setembro iníciase o curso escolar e, polo tanto, ten que estar incorporado o conserxe. Pero o Concello da Pastoriza aínda convocou o proceso de selección o 23 de agosto e fai uns días aínda se publicaba a lista provisional de admitidos ao concurso-oposición”. É dicir, “pasarán aínda máis semanas sen contar con conserxe no colexio”.

“Esta situación non é nova”, segundo manifestan dende o PP local. “O Concello da Pastoriza convoca cada ano unha praza de persoal laboral temporal para exercer as funcións de conserxe, pero hai cursos nos que tarda en convocar o proceso de selección e comezan as clases sen que se teña incorporado”.

Os populares explican que “o goberno local sabe que o proceso administrativo dura varias semanas, para respectar os distintos prazos administrativos, pero aínda así non xestionaron coa suficiente axilidade esta incorporación” de forma que “é a comunidade escolar o que sufre as consecuencias da mala xestión dos responsables do goberno municipal”.