Skip to main content
A Pastoriza

Comezan as obras do Centro de Información do Alto Miño

Por 28 Setembro, 2022Sin comentarios

A edificación e o acondicionamento exterior están proxectados evitando o impacto visual, primando e valorizando a riqueza natural e paisaxística da contorna.

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), visitou onte o inicio das obras do novo Centro de Información do Alto Miño, en Fonmiñá, lugar emblemático do concello lucense da Pastoriza, acompañado polo alcalde do municipio, Primitivo Iglesias.

“Esta mesma semana comezaron os traballos do que, sen dúbida, será un lugar de referencia na demarcación, situado nun enclave privilexiado a través do que se divulgarán os valores dos ríos e do ecosistema asociado aos mesmos”,
explicou Quiroga

A edificación e o exterior foron proxectados evitando o impacto visual, primando e valorizando a riqueza natural e paisaxística da contorna; pensando en edificacións sinxelas e construídas con materiais da zona.

Será dotado de tecnoloxía simple, intuitiva e adaptada aos novos tempos, co ánimo de facelo atractivo para os veciños e visitantes, ademais de estar moi enfocado á comunidade escolar.

O investimento estimado supera os 340.000 euros, sufragados ao 100% pola CHMS, pola súa banda o Concello da Pastoriza puxo a disposición os terreos necesarios para a edificación e a contorna próxima.

“Este centro responderá á necesidade de albergar un centro versátil que se utilizará, segundo os casos, aula da natureza, espazo de lectura, lugar de contemplación, museo. En consecuencia, interiormente será un espazo polivalente, pouco compartimentado, con fácil adaptación ás distintas necesidades de exposición ou actividades que vaian xurdindo co tempo e que se irán definindo co mesmo” explicou Quiroga.