Skip to main content
As PontesAxenda CaducadaBecerreá

Celebran en Becerreá e As Pontes cursos de uso da cera de abella

Por 10 Setembro, 2022Setembro 17th, 2022Sin comentarios

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar a semana que vén en Becerreá e As Pontes senllas xornadas sobre o uso cosmético da cera de abella. A da localidade lucense terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal o próximo 16 de setembro, en horario de 9,00 a 15,00 horas. Mentres, o do concello coruñés será o día 17 na Casa do Mel de Goente, das 16,00 ás 22,00 h.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, persegue neste caso fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas contribuíndo -ao mesmo tempo- á sustentabilidade da economía rural. Tamén a consecución da competitividade, a integración sectorial, a innovación, a orientación ao mercado e o fomento da iniciativa empresarial.

Así, o programa inclúe nocións sobre os materiais procedentes da colmea que poden empregarse para a elaboración de cosmética natural e prácticas para levar a cabo xabón ou xampú líquido a base de produtos da colmea. Nesa liña, abordaranse os procedementos para elaborar tamén tinturas, tónicos, cremas ou protectores labiais botando man do mel, de própoles, de xelea real ou da cera de abellas.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 370, ou enviarse un correo a mercedes.fra.perez@xunta.gal