Skip to main content
As Pontes

As Pontes pon en marcha de novo o programa Cuidadanas

Por 20 Setembro, 2022Setembro 21st, 2022Sin comentarios

O concello das Pontes abre hoxe, 20 de setembro, o prazo de inscrición na cuarta edición do programa Cuidadanas, organizado pola Fundación Mujeres co financiamento da Deputación da Coruña.

A través desta iniciativa, o goberno municipal busca ofrecer ás coidadoras informais da vila un recurso de orientación, acompañamento e apoio, tanto a nivel emocional, formativo, social como social co obxectivo de contribuír a mitiga o impacto derivado do coidado de persoas en situación de dependencia.

Tania Pardo, responsable da área de Benestar Social, subliña a importancia desta actividade na mellora da calidade de vida das mulleres das Pontes e na promoción do seu desenvolvemento persoal, a través da creación de relacións interpersoais entre as mulleres pontesas que viven unha realidade similar.

“O coidado das persoas dependentes ten unha influencia directa sobre a saúde, a autoestima, a vida laboral, as relacións sociais e familiares das mulleres coidadoras e nesta terceira edición buscamos seguir axudándoas mediante este servizo de apoio integral, proporcionándolles ferramentas para o seu autocoidado”, explica a concelleira de Benestar Social.

Este programa, a través de diferentes obradoiros, analizará a importancia da comunicación na calidade das relacións interpersoais, nos que as participantes aprenderán a poñer límites e a xestionar o sentimento de culpa. As mulleres participantes aprenderán a identificar as súas habilidades comunicativas, desenvolver estratexias para a toma de decisións, coñecendo e recoñecendo os propios límites e aprendendo a xestionar a culpa.

Estes obradoiros completaranse cun espazo participativo no que as participantes aprenderán a facer xestións administrativas online, para evitar a fenda dixital e impulsar unha mellor xestión do tempo persoal.

Todos os talleres se desenvolveran os luns, desde o 10 de outubro ata o 7 de novembro, de 10:30 a 12:30 horas na sala polivalente da Casa Dopeso e aquelas mulleres que estean interesadas en participar ou queiran solicitar máis información poden poñerse en contacto co Departamento de Benestar Social (Casa Dopeso, Rúa Rosalía de Castro, 28, 2º andar) do Concello das Pontes chamando aos números de teléfono 627 779 129 /981 441 008. O prazo para inscribirse remata o 5 de outubro.