Skip to main content
As Pontes

Unha comisión de parlamentarios europeos visita Endesa nas Pontes

Por 20 Setembro, 2022Setembro 21st, 2022Sin comentarios

As Pontes recibiu esta mañá á comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento europeo, un acto englobado dentro dunha visita de tres días de duración, por diferentes municipios galegos e asturianos, que permitirá aos parlamentarios e parlamentarias europeas coñecer de primeira man os retos e desafíos aos que se enfronta a industria do noroeste da península en materia de transición enerxética.

Valentín González Formoso, alcalde das Pontes, acompañado por Ana Pena, concelleira de Industria, e polo eurodiputado Nicolás González Casares participaron na visita que a misión europea, presidida polo alemán Jens Geiere na que participan los eurodiputados Marion Walsmann (Alemaña), Henna Virkkunen (Finlandia), Niels Fuglsang (Dinamarca), Izaskun Bilbao (España), Susana Solís (España), Pilar del Castillo (España) e Francisco José Millán Mon (España), realizou a planta de ciclo combinado de Endesa nas Pontes.

Durante esta visita puideron coñecer de preto as instalacións da central, o seu funcionamento así como os plans de futuro da empresa propietaria das instalacións, tamén puideron afondar nas medidas e accións que se están a poñer en marcha no ámbito da transición enerxética.

Valentín González Formoso, cualificou de moi importante esta visita dos representantes europeos ao complexo eléctrico das Pontes “unha Europa que ten un problema enerxético estratéxico. Esta instalacións son estratéxicas a nivel nacional; estas centrais, tanto a de ciclo combinado como a de carbón, como as dúas centrais hidráulicas e os catro parques eólicos cos que contamos nos converten no principal complexo eléctrico do Estado. Agora mesmo é fundamental que se manteña a capacidade, a potencia e os centros instalados dada a inestabilidade e incerteza que está a sufrir o mercado enerxético europeo”.

“Polo que se prevé, vai durar máis tempo do desexable. A decisión do goberno de España de, compatibilizar as axudas de transición para o complexo das Pontes con manter viva unha parte das instalacións, durante unha tempada, paréceme un mínimo imprescindible e o axeitado” engadiu o rexedor local.

XUNTA

Pola súa banda, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, demandou ao Goberno e a Endesa trasladen certezas tanto aos traballadores e aos transportistas como aos proxectos industriais que teñen demostrado a súa capacidade para desenvolverse na zona, para a partir de aí poder traballar conxuntamente e darlles viabilidade.

Francisco Conde fixo fincapé en que “a única certeza que temos nestes momentos é que Galicia perde 700MW” e subliñou que a decisión do Goberno de pechar parcialmente a planta “supón unha evidencia da falta de rigor e da falta de planificación”, así como a constatación, tal e como apuntou sempre a Xunta, de que “efectivamente hai un problema de garantía de subministración” no proceso de transición enerxética.

Fronte a isto, o responsable de Economía, Industria e Innovación apuntou que a Administración autonómica leva dous anos traballando e conta con proxectos industriais e enerxéticos de empresas concretas, entre as que citou a Sentury, Reganosa e EDP, e Ence, e que o que se precisa por parte do Goberno e de Endesa é un calendario e prazos definidos para ver como se vai poder darlle viabilidade a eses proxectos.  “O que non nos poden pedir nin á Xunta, nin ao concello nin aos propios traballadores é un acto de fe” apuntou o vicepresidente económico, quen pediu “a máxima transparencia e a máxima sensibilidade cos traballadores, a industria auxiliar e os transportistas que son os principais afectados polas decisións do Goberno”.

GALICIA SEN CARBÓN

Galiza un Futuro sen Carbón esixe que se faga público o informe de Red Eléctrica Española (REE), así como que se aclaren os condicionantes mencionados para manter dous grupos das Pontes sen pechar e o horizonte temporal en que se manterá esta insólita situación.

“Do comunicado divulgado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, pode desprenderse que un elemento chave na decisión foi a previsión  do mantemento de elevadas exportacións de electricidade a Portugal e a Francia durante os próximos meses, por causa da seca e “a indispoñibilidade de boa parte do parque nuclear francés”. Nese caso, queimaríase carbón en Galicia para contribuír a atender a demanda eléctrica dun país que abandonou o carbón en 2021 (Portugal) e doutro que, dada a súa insensata aposta pola enerxía nuclear, xerou en 2021 apenas catro veces máis electricidade eólica que Galicia, a pesar de ter unha superficie 18 veces maior (Francia)”, din.

A central de carbón das Pontes está parada desde xullo, mais este ano xa achegou uns 650.000 MWh, un 40% máis que en todo 2021. “Se se activa antes de final de ano, contribuirá aínda máis ao esperado aumento interanual das emisións de gases causantes de cambio climático da produción eléctrica galega, favorecido pola baixa produción renovable. A electricidade obtida a partir do carbón é a máis intensiva en emisións de dióxido de carbono (CO2)”, conclúen.