Skip to main content
As Pontes

As Pontes pecha unha xornada de formación contra a violencia LGTBI

Por 30 Setembro, 2022Sin comentarios

As Pontes celebrou o martes unha xornada de formación en apoio, orientación, detección e intervención en violencias LGTBIfóbicas dirixida ao persoal das administracións e servizos públicos que conforman a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero do Concello das Pontes.

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Tania Pardo, destacou que o obxectivo principal desta acción consistiu en “formar e impulsar a colaboración activa destes profesionais no coñecemento e valoración da diversidade afectivo-sexual e familiar para a mellora da convivencia, a prevención da LGTBIfobia e a promoción da igualdade de oportunidades”.

Esta xornada formativa celebrouse de forma presencial na Casa Dopeso, contando tamén coa opción de participar en modalidade telemática, co fin de facilitar a asistencia das e dos diferentes profesionais. A ela asistiron un total de 27 persoas e contouse coa representación por parte de todos os ámbitos que conforman a Mesa, é dicir: do ámbito policial, sanitario, educativo, social e do emprego. Tania Pardo puxo en valor esta asistencia, destacando que se acadou “representación por parte de todas as administracións e servizos que compoñen dito órgano, o cal fortalecerá a colaboración entre as mesmas”.

Constaba de dúas partes: a primeira delas, denominada, Diversidade afectivo-sexual: coñecer para acompañar, serviu para realizar unha primeira aproximación a conceptos clave no eido da diversidade afectivo-sexual e familiar, para comprender as características e as formas de LGTBIfobia e, tras isto, aportar ferramentas e boas prácticas para a intervención ante este tipo de violencia.

A segunda metade da xornada tiña por nome O colectivo LGTBI no Ordeamento Xurídico: liberdade, intimidade e autodeterminación, e a súa finalidade consistía en dar a coñecer o marco normativo en materia de protección e amparo das e dos menores, e especificamente no relativo ao colectivo LGTBI. Foi impartida por persoal especializado da asociación ARELAS, asociación galega formada por familias de nenos, nenas e adolescentes trans que traballa na promoción da defensa dos dereitos destes menores en todos os ámbitos da vida (educativo, sanitario, xudicial, cultural, deportivo e social).

Con esta acción formativa, valorada como moi necesaria e de forma positiva por parte do público asistente, os diferentes servizos e administracións contan con novas ferramentas e recursos para abordar as violencias e os delitos de odio por razón de identidade e orientación sexual que sofren as persoas LGTBI. Ademais, Tania Pardo concluíu que coa mesma “se dá resposta a unha necesidade detectada pola Mesa en relación ao incremento da incidencia de situacións de discriminación por estes motivos, así como pola necesidade dunha formación especializada neste eido”.