Skip to main content
Axenda CaducadaVilalba

O Iescha celebra os días 8 e 9 os actos de homenaxe a Manuel María

Por 4 Setembro, 2022Setembro 9th, 2022Sin comentarios

Coma todos os anos por estas datas, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración da Área de Cultura- Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza os actos da Cultura Chairega en homenaxe a Manuel María coincidindo co seu XVIII cabodano.

O programa desenvolverase o xoves e o venres arrancando o primeiro día, ás 20.00 horas no espazo Manuel María cunha ofrenda floral ao pé da súa escultura, así como un recital poético popular, aberto a toda a xente que queira participar con poesías, cancións ou calquera outro texto relacionado co gran poeta chairego. A entrada é libre e gratuíta.

O venres os actos terán lugar ás 20.30 horas no auditorio municipal de Vilalba. Terá lugar en primeiro lugar o acto de entrega da placa de socio de honra do Iescha a Darío Xohán Cabana. O escritor foi nomeado socio de honra por aclamación dos asistentes, na Asemblea Xeral do día 25 de marzo de 2022, resaltándose o seguinte:

Darío Xohán Cabana, escritor chairego, nacido en Roás no ano 1952, foi Académico da RAG, na que ingresou o 22 de abril de 2006. Recibiu máis de medio cento de premios literarios por artigos, contos ou poemas, sendo un dos grandes referentes da cultura galega, brillante dinamizador e impulsor da mesma a través da súa poesía, da súa narrativa e das súas traducións.

Esta Asemblea do Instituto de Estudos Chairegos noméao socio de honra do Iescha pola súa grande e meritoria obra poética e narrativa, polo seu profundo coñecemento da nosa lingua, polo seu activismos político e cultural, polo seu compromiso co espallamento de todo o relacionado coa Terra Chá, entre outros moitos méritos.

A continuación levarase a cabo o concerto da cantante galega Cris Román.

A compositora e cantante Cris Román comezou a súa andaina musical co grupo de Rock Areavasta. En 2014 decide comezar a súa aventura en solitario e en abril de 2016 saiu á luz o disco autoproducido A Cuentagotas.

Profesora da USC, Cris Román, reparte o seu tempo entre a investigación e a docencia e a súa paixón pola música. Unha autora comprometida, con alma de roqueira baixo un antifaz de pop aterciopelado. Acompañada dunha banda de grandes músicos como Alexandre Fontán aos teclados; Fran Alonso ao contrabaixo; Alexis Iglesias na guitarra; e Javier Romo na percusión.

Entre as súas cancións pódese atopar un amplo abano de estilos dende blues, swing, country, e música de autor, con cancións en inglés, castelán e galego.

A entrada para este acto será tamén de balde, pero por motivos organizativos e de loxística, haberá que realizar a correspondente reserva ben na páxina web do Concello, ben na Casa da Cultura, ou ben directamente no Auditorio o mesmo día 9.