Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta presenta dez medidas dirixidas á Xunta para o sector do vacún de carne

Por 21 Setembro, 2022Sin comentarios

Vilalba Aberta vén de rexistrar unha proposta de declaración institucional coa que pretende facer súas as demandas dos gandeiros/as de vacún de carne, en tanto que “un dos sectores máis afectados pola subida de insumos.”

Denuncian que sexa a propia administración a que “inste ás granxas a endebedarse baixo a promesa de que a Xunta vai correr cos intereses” e cualifican de “neglixente” que se “xogue cos cartos da xente” xerando leis para “enriquecer ós bancos ao tempo que se empobrece ás granxas”.

En palabras da vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, “a día de hoxe non existe nin a primeira axuda directa ao sector das que se prometeron. Só unha modificación na orde que permite adiantar os cartos da PAC, baixo a promesa dunhas axudas que nin tan sequera se sabe cando se van publicar”, explicou.

10 PROPOSTAS 

Máis alá da diagnose, a iniciativa de VA pon o foco nunha serie de propostas concretas a activar de xeito inmediato para abordar a crise na que a alza de custos de produción, os baixos prezos e a falta de asunción de responsabilidades por parte das distintas administracións, teñen sumida ás granxas de vacún de carne.

Así, e na liña do defendido polo Sindicato Labrego Galego, a primeira das medidas urxe á rectificación por parte do Ministerio de Agricultura co fin de incluír nas axudas por mor da guerra na Ucraína o pago por xato cebado nas granxas tradicionais, así como o compromiso por parte da Xunta de incluír este pago na axuda complementaria á anterior.

En segundo lugar, dende VA esíxese que se deixe de “xogar cos cartos dos produtores lucrando indirectamente ás entidades bancarias” e que, no canto de autorizar o anticipo desta nova axuda vía bancaria, a Xunta a convoque permitindo o cobro polos becerros tamén das granxas de vacún que fan cebo tradicional.

A terceira ten que ver coa creación de métodos sinxelos e accesíbeis para o cálculo dos custos de produción das granxas, e que estes cálculos se trasladen de xeito inmediato ao prezo que os gandeiros perciben polo produto, garantindo que non se poida mercar por debaixo dos custos de produción.

Na cuarta, VA solicitará por segunda vez no que vai de lexislatura que a Xunta que faga cumprir a Lei da Cadea Alimentaria e tome dende xa como referencia o prezo dos custos de produción calculados no seu propio estudo o pasado mes de xuño (6,30€), e que a ningunha granxa se lle poda mercar por debaixo deste prezo.

En quinto lugar, atópase a proposta de creación dos mecanismos necesarios para unha diferenciación clara do produto fronte ós alimentos criados dentro dun modelo intensivo e que esta sexa perceptible dun xeito claro para as persoas consumidoras.

Como sexta medida, proporán a convocatoria dunha mesa sectorial por parte da Xunta de Galicia composta polas persoas produtoras, a industria, a distribución e outros axentes do sector con poder de toma de decisión, que permita levar a cabo as medidas anteriormente mencionadas.

A sétima, esixe a protección da Superficie Agraria Útil (SAU), permitindo o acceso á terra agraria, protexendo a existente e asumindo a necesidade de aumentala ata polo menos un terzo do territorio”.

A cobertura ao 100% dos danos que provoca a fauna silvestre, asumindo a responsabilidade civil subsidiaria e o lucro cesante por parte da administración pública será a oitava proposta.

En noveno lugar atopamos unha proposta de creación dunha normativa hixiénico-sanitaria que permita dun xeito sinxelo acceder ás granxas a realizar venda directa e creación dunha rede de matadoiros comarcais como único xeito de dotar de valor engadido as granxas.

Por último, plantexan a solicitude dunha dotación de fondos económicos e de medios para facer fronte a episodios de seca como a que se está a vivir e, en todo caso, financiar a adecuación a esta nova realidade das granxas galegas.