Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta convoca un concurso para reclamar a peonalización da praza de Santa María

Por 22 Setembro, 2022Sin comentarios

Dende o seu nacemento coma formación política municipal, Vilalba Aberta comprometeuse publicamente en varias ocasións coa necesidade de peonalizar a Praza de Santa María.

Un espazo ao que cualifican de “Parking“, na liña do que moitos veciños/as consideran, ao estar actualmente ateigada de coches a que consideran “a praza máis fermosa de Vilalba, situada no corazón do casco histórico, a unha carreiriña de can da Torre do Castelo.”

Velaí que pensaron nun Concurso Fotográfico. Unha convocatoria aberta que, baixo o satírico título de Safari Fotográfico Express, visibilizará nas redes sociais a “falla de humanización” dun espazo no que, un día si e outro tamén, os coches son os auténticos donos.

BASES, CONDICIÓNS E PREMIOS

Poderán participar todas as persoas que o desexen; no caso de seren menor de 16 anos, cómpre autorización paterna ata o próximo martes.

Cada participante poderá presentar o número de fotos que desexe; cadaquén decidirá libremente se decide presentar fotos reais ou ben con máis creatividade (figurando nelas os obxectos que estime axeitados). A presentación debe facerse de xeito virtual, enviándoas á dirección de correo vilalbaberta@gmail.com.

Por respecto do dereito de privacidade, non se aceptarán fotos nas que se recoñezan persoas ou a matrícula dos coches (deberá pixelarse esta ou fotografar só a parte do coche por riba da matrícula).

Haberá 3 premios con produtos elaborados no Concello de Vilalba. Un queixo de San Simón e un Roscón de Vilalba para o gañador. O segundo levará só o queixo e o terceiro o roscón. Os gañadores elexiranse polo número de “gústame”, de cada fotografía nas redes sociais Facebook e Instagram, de xeito que a que teña máis levará o primeiro premio, a que lle siga o segundo premio e a seguinte, o terceiro.