Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

A Mariña rexeita as medidas da prohibición da pesca de fondo

Por 8 Outubro, 2022Outubro 9th, 2022Sin comentarios

A comarca propón unha fronte común contra a medida imposta por Bruxelas.

A partir do 9 de outubro, medio milleiro de barcos e uns 2.000 pescadores deberán deixar de realizar pesca de fondo en 16.419 quilómetros cadrados do Atlántico, correspondentes a 87 zonas de pesca entre o Golfo de Cádiz e a zona norte de Gran Sol onde se considera que hai ecosistemas mariños vulnerables.

Culmínase así unha vella ameaza que non se concretou ata este mes de setembro, cando a Comisión Europea aprobou o seu regulamento de exclusión en augas profundas, na que se detallan as áreas afectadas. É unha medida que viñan reclamando desde hai anos distintos colectivos ecoloxistas, pero que o sector non entende por ser “unha fonte fundamental de alimento de recoñecido valor nutritivo, que contribúen á soberanía e seguridade alimentaria europea xunto coa agricultura e a gandería”, din no manifesto publicado por varias organizacións públicas e privadas,
Ademais, “a proteína de orixe mariña, de acordo coa máis recente evidencia científica, ten de media unha pegada de carbono máis reducida que a da maioría de sistemas de produción de alimento, e o seu impacto sobre a biodiversidade é tamén xeralmente menor que outras actividades de produción de alimentos en terra. Por iso estamos convencidos de que os produtos mariños están chamados a xogar un papel crave na seguridade alimentaria europea e mundial no contexto do cambio climático”, engaden.

A PPC foi modificada tres veces na súa historia, e en cada unha destas reformas introducíronse importantes melloras, sempre propostas e lideradas pola propia Comisión. “Estamos convencidos de que debemos manter sempre a nosa ambición de lograr unha PPC aínda máis efectiva, así como adaptada aos novos retos”, din os manifestantes, “igualmente necesitamos avaliar se a actual PPC está plenamente preparada para responder aos novos retos que lle afectan, como as consecuencias do Brexit e, sobre todo, do impacto do cambio climático e o Pacto Verde europeo”, din.
“Todos queremos unhas frotas pesqueiras neutras en carbono antes de 2050 e, ademais, unhas frotas de alta seguridade e confort a bordo, capaces de proveitar capturas non desexadas e de reciclar os seus residuos, así como de atraer aos mozos ao sector”, din, “pensamos por iso que a PPC debería revisar se a súa política estrutural e a súa política de frota nos proporciona hoxe os instrumentos necesarios para construír unha futura frota pesqueira que responda a esas ambicións, que sen dúbida todos compartimos”, engaden.

Tamén estiman vital a discusión sobre os límites entre a política pesqueira e a ambiental. “Ambas deben ser aliñadas, sen que unha prevaleza sobre a outra”, din. Por suposto, están de acordo no obxectivo de preservar os ecosistemas pero a conservación do ambiente mariño non se pode facer en detrimento da produción sostible da mellor proteína do mundo.

XUNTA.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo un novo encontro con representantes do sector pesqueiro galego e xuristas especializados para analizar os últimos acontecementos sobre o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas. A titular de Mar entregou ao sector un documento con argumentos sólidos recompilados nas últimas semanas cos que fundamentar os recursos individuais que decidan presentar as casas armadoras na defensa dos seus intereses. 

A representante do Executivo galego aclarou que esa mesma análise vai ser enviada tamén ao Goberno central co obxectivo de fortalecer o recurso que o Estado vai presentar contra o regulamento de execución publicado o pasado 19 de setembro no Diario Oficial da Unión Europea.

APOIOS.

A Federación de Comercio A Mariña amosa o seu apoio ao sector pesqueiro e adhírese ao manifesto feito. O documento estará a disposición da clientela dos negocios asociados á FCAM. O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, asegura que “todos os asociados recibirán este manifesto en defensa do sector pesqueiro, que é tan importante para a comarca. A Mariña e a súa economía vanse resentir moito si agora a pesca queda seriamente tocada con eses plans da Unión Europea”.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña quere amosar o seu total apoio ao sector do mar e sumarse ás mobilizacións e reivindicacións que se determinen.

CONCELLOS.

O Concello de Viveiro entregau na cofradía de pescadores Santiago Apóstol de Celeiro máis de 130 sinaturas dos veciños e veciñas de apoio á flota de fondo.

A responsable do Centro histórico de Viveiro, Isabel Méndez, entregou persoalmente na sede social da Confraría de Celeiro, onde foi recibida polo Secretario da entidade M. Máximo Diaz, a quen fixo entrega das firmas recollidas no municipio vivariense e que superan o numero de mil , seguirán recollendo firmas durante todo o mes de outubro.

O alcalde de Xove fixo entrega  das 439 firmas recollidas polo Concello en apoio ao Manifesto. Estas firmas recolléronse nas oficinas do Concello e nos locais de hostalaría de Xove.

Burela presentou 3.500 sinaturas recollidas entre Concello de Burela, Confraría de Pescadores, ABSA e ACIA.

O BNG da Mariña continúa co seu apoio á flota pesqueira mariñá e desde a formación nacionalista continúan coa campaña de apoio para visualizar o grave problema que se aveciña non só para o sector senón para toda a comarca.

PARLAMENTO.

Os voceiros do PSOE e do BNG no Parlamento instan á Xunta a tomar a iniciativa e presentar un recurso propio contra a prohibición das artes de fondo pola Comisión Europea en paralelo ás actuacións do goberno central. Os deputados do PPdeG no Congreso tamén asinaron o Manifesto.

OUTRAS COMUNIDADES.

 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo un encontro cos responsables en materia pesqueira de Cantabria, País Vasco, Asturias e Andalucía para crear unha fronte común na defensa do sector pesqueiro ante a ameaza que supón o veto á pesca de fondo para o seu futuro. As comunidades do Cantábrico e Andalucía analizaron as repercusións que esta medida pode ter na frota e constataron a necesidade de traballar unidos como país na defensa dos intereses dos buques que faenan no caladoiro nacional e en augas comunitarias.

De feito, as cinco autonomías acordaron enviar unha carta ao Goberno central solicitando unha reunión co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para avaliar esta cuestión e trasladarlle o apoio do conxunto dos Gobernos autonómicos á presentación dun recurso contra o regulamento de execución que veta a pesca de fondo, para o que aportarían os argumentos técnicos e xurídicos que sexan necesarios.