Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Galicia promocionará os produtos do mar nunha quincena de eventos sectoriais

Por 18 Outubro, 2022Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou ás empresas galegas da cadea mar-industria que participan estes días na feira Sial Paris 2022 para apoialas na promoción dos seus produtos en novos mercados e na busca de oportunidades de negocio noutros países. Neste sentido, a titular de Mar anunciou que o seu departamento vai reforzar en 2023 a participación neste tipo de eventos nacionais e internacionais coa presenza nun total de 15 certames -fronte aos 13 deste ano- e que investirá máis de 3 millóns de euros nestas accións de promoción e impulso da internacionalización das empresas do mar de Galicia. 

A representante da Xunta defendeu a aposta de Galicia por poñer en valor a calidade dos seus produtos pesqueiros e dalos a coñecer en todo o mundo, o que contribuirá a impulsar a súa demanda, os seus prezos e os ingresos dos profesionais da pesca, o marisqueo, a acuicultura e a transformación. Esta cuestión, dixo, é fundamental nun momento de dificultades derivadas da guerra en Ucraína, do encarecemento da enerxía e das materias primas e de medidas inxustas como o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas. 

Ante esta situación, e unha vez superado o parón na celebración de eventos multitudinarios pola pandemia da covid-19, Rosa Quintana apelou á necesidade de seguir mostrando a todo o mundo que Galicia conta cuns produtos pesqueiros da máxima calidade e cunhas empresas que miman a súa materia prima apostando continuamente pola innovación e a mellora da súa competitividade. 

A titular de Mar, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, explicou que a alerta sanitaria polo coronavirus obrigou ao complexo mar-industria galego a adaptarse ás novas necesidades e demandas dos consumidores e que o fixeron en tempo récord, o que demostra a resiliencia das empresas da comunidade e a súa fortaleza para afrontar as dificultades. 

Outra mostra dese vigor é o feito de que o sector marítimo-pesqueiro galego superase o ano pasado os 2.400 millóns de euros de exportacións, unha cifra que supón un novo máximo histórico no marco da tendencia ascendente rexistrada nos últimos anos. 

Presenza galega

A Xunta participa en Sial Paris 2022 cun posto de máis de 280 metros cadrados de superficie que alberga a 14 entidades coexpositoras: Copesma Congelados, A Pulpeira, Frioantartic, Mares de Galicia, La Brújula-Ramón Peña, Fesba, Cassua, Pasteurizados Cíes, Orpagu, Anfaco-Cecopesca, Connorsa, Orbe, Grupo Profand e Pay-Pay. 

A maiores, na modalidade de centro de negocios participa Salgado Congelados mentres que outras once empresas galegas de alimentación (Congalsa, Frinsa do Noroeste, Jealsa Rianxeira, Conservas Albo, Aceites Abril, Bonilla a la Vista, Calvo, CLUN, Coren, Daveiga e Quescrem) acoden á feira pola súa conta.  

Sial Paris 2022 é o penúltimo certame no que participa a Consellería do Mar este ano tras estar en 11 feiras e á espera de participar o vindeiro mes en Xantar Ourense. Este labor de promoción contou cun investimento de preto de 2,6 millóns de euros. 

En 2023 a previsión é participar en 15 eventos: a Seafood de Boston e Aquaculture Spain de Silleda en marzo; a Seafood de Barcelona e Gourmets Madrid en abril; Tutto Food Milán e Expomar Burela en maio; Salimat Abanca en Silleda en xuño; a Seafood de Singapur, Expomar Cabo Verde e Andalucía Sabor en setembro; Anuga Colonia, Conxemar Vigo e San Sebastián GastronómiKa en outubro e Gastronoma Valencia e Xantar Ourense en novembro.

Sial Paris 

A feira Sial Paris 2022, que se celebra desde o pasado sábado ata o mércores, ten carácter bienal e constitúe un gran escaparate europeo para os profesionais e empresas do sector da alimentación e das bebidas. Na última edición celebrada -a de 2018 pois en 2020 cancelouse polo coronavirus- participaron 7.200 expositores procedentes de 119 países e produciuse un récord de asistencia con máis de 310.000 visitantes profesionais orixinarios de 200 países diferentes. 

Este certame inclúe distintas iniciativas pensadas para os distintos sectores, tipos de empresas e actuacións como o Sial Innovation -centrado na innovación-, Sial Start-up-para creadores, emprendedores e novos talentos- ou Sial Talks, de conferencias sobre innovación alimentaria, nutrición, saúde integral ou desenvolvemento sostible, entre outros asuntos.