Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O SLG abre unha campaña de recuperación de froiteiras autóctonas na provincia

Por 26 Outubro, 2022Sin comentarios

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vén de pór en marcha a campaña de recuperación de árbores froiteiras autóctonas da provincia de Lugo Froiteiras de Noso, á que xa se pode acceder a través do blogue Froita da Mariña.

No Sindicato Labrego Galego levan un tempo tentando localizar variedades locais de froiteiras que, por diversos motivos, foron indo a menos no territorio até o punto de estar en claro risco de desaparecer.

“Entendemos que son moitas as razóns polas que convén rescatar do esquecemento estas árbores, para que volvan ter a importancia que tiveron noutros momentos. Cremos que poden chegar a ter un papel importante para rachar a nosa dependencia alimentar como País, xa que poden axudar no futuro a asegurar a nosa capacidade produtiva para fornecer de alimentos sans, diversos, locais e de calidade ao conxunto da poboación do territorio. Son, ao noso ver, imprescindíbeis para incrementar a nosa resiliencia colectiva e para camiñar cara á Soberanía Alimentar de Galiza”, din dende o Sindicato.

Neste momento están realizando un traballo de prospección no territorio da provincia de Lugo para tentar recoller información sobre a presenza destas variedades nas distintas comarcas e a súa situación, co obxectivo último de evitar a súa desaparición.

Para este fin precisan da colaboración de todas as persoas que acrediten na importancia de non perder de xeito irreversíbel estes recursos que son parte do  patrimonio colectivo; e tamén buscamos a colaboración e a complicidade de asociacións ou colectivos actuantes no territorio que poidan compartir estes obxectivos.

As persoas e colectivos interesados en participar poden contactar co Sindicato Labrego Galego no teléfono 630 970 132 (tamén Telegram e WhatsApp), no correio ribadeo@sindicatolabrego.com ou en calquer local do Sindicato Labrego Galego.