Skip to main content
Axenda CaducadaMar AMARIÑAXAViveiro

O porto de Celeiro acolle unha nova edición das Xornadas Técnicas

Por 18 Outubro, 2022Sin comentarios

Os días 24, 25 e 26 de novembro celebrarase no porto de Celeiro a XXVI edición das Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro.

A organización do foro pesqueiro, OPP-77 Celeiro do Grupo Porto de Celeiro SA, cuxa labor de coordinación recae na Confraría de Pescadores de Celeiro xa ten configurado o programa e o cartel de participantes. O congreso pesqueiro está financiado a través do FEMP (U.E.) e da Consellería do Mar (Xunta de Galicia).

Así, un nutrido programa de nada menos que 25 conferencias de carácter multidisciplinar que abarcarán grandes temas da problemática sectorial pesqueira. A organización xa abriu as inscricións e as persoas que o desexen poderán rexistrarse na nesta ligazón.

O evento, que na actualidade goza dun recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional, poderá seguirse a través de internet desde calquera lugar do planeta. A organización do congreso, do mesmo xeito que fixo na efeméride da XXV edición, o pasado ano, opta por realizar un formato híbrido de carácter mixto: presencial, -con prazas e aforo limitado-, e telemático (on-line e en streaming). O congreso pesqueiro segue coa súa estética habitual, e tradicional, e á vez aposta novamente polas novas tecnoloxías para chegar a un maior continxente de usuarios a través dunha retransmisión interactiva en vivo e en directo.

Fontes da organización estiman que este ano se poderían superar as cifras de rexistrados e participantes no evento, polo menos así o auguran as previsións iniciais a dous meses vista do congreso.

As Xornadas de Pesca de Celeiro son un clásico dos portos pesqueiros do panorama nacional español, unha cita anual referencial e obrigada que os principais representantes do sector teñen marcada na súa axenda para acudir presencialmente a Celeiro, onde poden facer networking entre todos os elos da cadea: sector extractivo, transformación, almacenistas, comercializadores, distribuidores, empresa e organismos relacionados… as Xornadas de Celeiro son unha oportunidade única non só para analizar ou debater a actualidade pesqueira senón tamén para compartir e intercambiar opinións.

PROGRAMA

Seguindo o formato habitual o programa para este ano contará con nada menos que 25 relatorios que abarcasen grandes temas de puntual interese para o colectivo pescador. Os bloques temáticos a abordar auguran temáticas que suscitan gran interese para a análise e o debate pesqueiro: financiamento; seguros marítimos; xestión marítimo-pesqueira; xestión portuaria; economía circular; lexislación laboral; conflito pesca e eólica mariña; comercialización e consumo: evolución, futuro e comunicación e divulgación…; pesca costeira-artesanal; PPC: Control, inspección, pesca ilegal…; PPC: lexislación, medioambiente e biodiversidade e sustentabilidade; aspecto social: substitución xeracional; regulamento de costas e cambio climático; ecosistemas vulnerables; análise do sector pesqueiro español… etc.

Reputados e prestixiosos especialistas configuran, un ano máis un cartel de auténtico luxo, o congreso pesqueiro de Celeiro non en balde está considerado o “mellor foro pesqueiro nacional destas características”, desde a organización avanzaron que entre outros está prevista a presenza da secretaria Xeral de Pesca (SGP/MAPA), Alicia Villauriz, a conselleira do Mar da Xunta de Galicia Rosa Quintana e os seus dous directores Xerais de Desenvolvemento Susana Rodríguez e de Pesca e Acuicultura o mariñán Antonio Basanta Fernández; tamén entre os relatores a presidenta do ente portuario de Portos de Galicia (Consellería do Ma), Susana Lenguas e a conselleira de Medio Ambiente e Vivenda Ángeles Vazquez Mejuto; haberá representación tamén de eurodeputados da Comisión Europea e de organizacións como AZTI, Cepesca, Miteco, SGP-MAPA, Opegui, Dirección Xeral de Pesca de Andalucía, Kantar Wordl Panel, Director Xeral de empresarios almacenistas de peixes de Madrid, Marta García Pérez (doutora da Universidade da Coruña. Observatorio do Litoral); Abanca-Mar; Murimar… etc.

“Nos últimos anos a pesca está inmersa nun panorama complexo e difícil; falamos dun sector primario esencial e estratéxico na cadea alimentaria. Son moitas frontes abertas a nivel de: consumo, canles de comercialización, caladoiros, tacs e cotas, combustible, consumo, descartes, PPC (normativa), medioambiente e biodiversidade, política azul e verde, substitución xeracional, titulacións, o veto á pesca de fondo…etc. Pois ben, todo iso e máis terá cabida para a análise e o debate no simposio pesqueiro de Celeiro”, din dende a organización das xornadas.