Skip to main content
Burela

As Amas de Casa de Burela inician a promoción do traballo asociativo municipal

Por 13 Outubro, 2022Sin comentarios

O Concello de Burela iniciou hai días unha ronda de visitas para difundir o traballo do tecido asociativo da vila a través de pequenas pezas audiovisuais que se darán a coñecer a través das súas canles oficiais, nomeadamente das redes sociais. 

A asociación de Amas de Casa de Burela acolleu no seu local a primeira das gravacións, explicando a motivación principal que as levou a asociarse, o longo periplo destes anos, as actividades que realizan anualmente, así como todas as aportacións que fan ao pobo de Burela e nas que xa son un piar imprescindible, como o entroido ou as alfombras florais.

Desde o Concello de Burela contactaron coas distintas asociacións co fin de solicitar información para completar o espazo dedicado ás mesmas na páxina web municipal. Así mesmo, trasladaron o interese de promocionar e difundir a súa actividade con breves vídeos para publicar nas redes sociais, onde se vexa o traballo que se fai desde os distintos colectivos. Nalgúns casos, existe material audiovisual propio, de xeito que o concello se fará eco das propostas xa realizadas, e noutros, ofrece a posibilidade de acudir a gravar.

A concelleira de Servizos Sociais e Mar, Carmela López, participou da primeira gravación xunto ás Amas de Casa, destacando “a importancia de recoller toda a contribución que estas mulleres fixeron ao pobo e visibilizala”, engadindo que “temos unha rede asociativa que traballa a prol do pobo e sen a cal moitas das iniciativas non existirían ou non sairían adiante dun xeito tan exitoso e satisfactorio”. 

En vindeiras semanas, continuarán recollendo información para a publicación e difusión destes pequenos vídeos.