Skip to main content
Cervo

O Concello comezou as obras dun novo aparcadoiro en Sargadelos

Por 9 Outubro, 2022Outubro 10th, 2022Sin comentarios

O Concello de Cervo comezou as obras para a creación dun novo aparcamento público no Conxunto Histórico e Artístico de Sargadelos nunha parcela de titularidade municipal situada na parte traseira do antigo edificio das Carboeiras.

O alcalde, Alfonso Villares, a  tenente alcalde, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Turismo, David Rodríguez, achegáronse ata a zona para supervisar os traballos que se iniciaron esta semana e que responden ao obxectivo deste equipo de goberno de “mellorar a seguridade da contorna, ofrecendo unha alternativa real e práctica aos vehículos que ocupan a estrada principal que transcorre ante o centro de emprendemento; a fin de mellorar tamén o impacto visual de toda esta zona privilexiada polo seu valor patrimonial e natural”. 

A liberación de tráfico desta estrada permitiranos –engadiu Villares- facer máis atractivo á vista este enclave, que é un dos puntos con maior valor turístico e patrimonial do noso municipio.

Villares apuntou ademais, que esta nova infraestrutura pública, con máis de 50 prazas de capacidade, e que conta co aval de Patrimonio, tamén servirá para potenciar os negocios establecidos no Centro de Emprendemento que impulsamos desde o Concello de Cervo, xa que permitirá aumentar a afluencia de visitantes ao verse incrementadas as posibilidades de estacionamento na zona. 

E é que na actualidade, o Conxunto Histórico e Artístico de Sargadelos é un dos puntos con máis afluencia de visitantes do municipio. Dende a creación do centro de emprendemento, que nestes intres frecuentan 7 negocios artesáns, a localización veu incrementado o seu potencial turístico, sendo un punto de visita obrigada para os visitantes ao longo de todo o ano.

O orzamento total desta actuación ascende a un total de 67.589 euros, financiados na súa totalidade polas arcas municipais.

Caramés e Rodríguez tamén quixeron poñer en valor esta importantísima actuación que é unha mostra máis da aposta deste equipo de goberno para darlle pulo ao Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos “unha zona na investimos continuamente diñeiro público conscientes de que é un enclave fundamental para o noso municipio”.