Skip to main content
Foz

Inicio inminente das obras de eficiencia enerxética e iluminación no IES

Por 3 Outubro, 2022Outubro 10th, 2022Sin comentarios

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, visitou o IES de Foz co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e con varios concelleiros do goberno, ante o inicio inminente das obras que permitirán a substitución de ventás e mellora da iluminación -entre outros traballos- dos edificios A e B, os máis antigos do centro.  As obras, de algo máis de 1,2 millóns de euros, son financiadas con cargo á Unión Europea en 988.000 euros, sendo os restantes 247.000 aportados pola Xunta de Galicia con fondos propios.

Pendente de publicar a adxudicación definitiva, o rexedor municipal pide colaboración á empresa que resulte do proceso de contratación “para programar os traballos de xeito que interfiran o mínimo posible coa actividade académica do centro, xa que se van levar a cabo durante o curso académico”. Son unhas obras que Fran Cajoto cualifica de “moi necesarias. Estamos colaborando coa Consellería en distintos ámbitos: no educativo pedímoslle sensibilidade ao conselleiro co CEIP Fondo Nois, que ten máis de 50 de anos e que sen encontra en mal estado. Hoxe mesmo estamos a substituír un canlón de desaugue que se encontraba en moi mal estado, polo risco que supón para os cativos. Ten a mesma idade que o CEIP nº1 pero nunca foi reformado e cada vez é máis urxente actuar nel. Outros dos plantexamentos que se achegaron desde o Concello é o acondicionamento dunha área de estacionamento e parada de autobús dentro dos propios terreos do instituto para mellorar a seguridade e a comodidade do transporte. Hai problemas de xestión que queremos solucionar e agardamos tamén un aumento de prórroga para a construción da pista multideporte do Cantel, xa que o prazo que deu a Consellería está a resultar un problema para todos os concellos que optamos á convocatoria. Cremos que a única forma de progresar é a colaboración leal entre administracións”.

Fóra do ámbito educativo, na carteira de Cultura, que tamén corresponde ao conselleiro Román Rodríguez, o alcalde recordou unha débeda histórica da Xunta de Galicia co Concello de Foz: “somos o segundo concello da Mariña e seguimos sen un auditorio para poder facilitar a programación cultural que merecen ás nosas veciñas e veciños. Concellos de menos de 5.000 habitantes dispoñen del e Foz supera amplamente os 10.000. Pedímoslle ao conselleiro que non se esqueza de Foz”.