Skip to main content
Lourenzá

O vindeiro martes 1 comeza o IV Certame de Teatro Afeccionado de Lourenzá

Por 27 Outubro, 2022Outubro 28th, 2022Sin comentarios

O vindeiro martes, 1 de novembro, ás 20:30 horas dará comezo no multiusos Ponte de Cuñas o IV Certame de Teatro Afeccionado Concello de Lourenzá.

O concelleiro de Cultura, Manuel Arango Ron, anuncia que “a obra que abrirá o concurso será A morte morrida, unha divertida comedia representada polo grupo de teatro O Centiño, de San Martiño (Foz). A entrada terá un prezo simbólico de 3 euros. A programación completa deste certame, que se desenvolverá ao longo do mes de novembro, pode verse nas páxinas oficiais do Concello, nos folletos distribuídos en comercios e bares da localidade, nun panel que estará instalado na Praza do Concello e tamén se repartirán folletos os días das representacións. Antes de cada función repartiranse entre o público asistente, de maneira aleatoria, unhas tarxetas para que dean o seu parecer sobre a obra a concurso e desta maneira decidir cal delas leva o Premio do Público”.

As seguintes representacións serán os días 5, 6, 12, 13, 18, 19, 20 e 27 de novembro e gala de entrega de premios está programada para o 17 de decembro.

Este certame está organizado polo Concello de Lourenzá coa colaboración da Deputación de Lugo.

As obras e grupos seleccionados son:

  • 1 de novembro – A morte morrida, de O Centiño, de San Martiño de Foz
  • 5 de novembro – A liorta, de Avelaíña Teatro, de Pontevedra
  • 6 de novembro – Pepa Loba, de Teatro Coles, de Coles (Ourense)
  • 12 de novembro – Fatum, de Catre Teatro, de As Pontes (A Coruña)
  • 13 de novembro – Sainetes, de Quemaistén, de As Pontes (A Coruña)
  • 18 de novembro – Eres único, da Asociación Saúde Mental A Mariña, de Cervo
  • 19 de novembro – E se todo se reducise ao amor, de Os Palimoquiños, de Lugo
  • 20 de novembro – Vivan os noivos, de Adala Teatro, de Fazouro (Foz)
  • 27 de novembro – O documento, de Ollomao, de Barreiros