Skip to main content
Lourenzá

O Concello de Lourenzá quere eliminar as barreiras arquitectónicas do casco urbano

Por 29 Outubro, 2022Outubro 30th, 2022Sin comentarios

O Concello de Lourenzá presenta un proxecto de eliminación de barreiras arquitectónicas que se centran no entorno do casco urbano de Vilanova. 

A alcaldesa, Rocío López, explica que “estas actuacións englóbanse dentro dun Plan de Adaptación e Supresión de Barreiras para a Área de Rehabilitación Integral do casco antigo de Lourenzá e marcan o inicio de futuras intervencións de cara a un futuro cunhas infraestruturas máis accesibles para todos e todas e sen barreiras. Está previsto que as obras comecen antes de final de ano dado que o Concello conta xa con tódolos permisos sectoriais pertinentes. En concreto as actuacións descritas no proxecto centraranse en varias beirarrúas e pasos de peóns que non cumpren coa actual lexislación en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras. Esta actuación supón o inicio dunhas obras que eran moi necesarias para facilitar a accesibilidade e mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas con discapacidade e mobilidade reducida. Estas obras son fundamentais para avanzar de cara a un municipio inclusivo e accesible que garanta a autonomía das persoas e na que todos os cidadáns teñan igualdade de oportunidades”.

A rexedora municipal engade que “o presente proxecto contempla a resolución dos desniveis nos recorridos peonís entre as beirarrúas e os pasos de peóns de dous xeitos distintos, de acordo á súa ubicación e condicionantes: elevando a plataforma do propio paso de peóns ata o nivel da beirarrúa existente ou ben rebaixando a plataforma da beirarrúa, con recorridos accesibles, ata o nivel da plataforma da vía existente. 

A maiores levarase a cabo un pintado dos cebreados dos pasos de peóns e demais marcas viais para garantir unha circulación segura tanto para vehículos como para peóns”.

O presuposto ascende a un total de 43.261 euros.