Skip to main content
Mondoñedo

Mondoñedo: Ruta da auga

Por 5 Outubro, 2022Outubro 7th, 2022Sin comentarios

O roteiro, duns dez quilómetros, percorre a zona desde a Fonte Vella, polo río Valiñadares, ata o barrio dos Muíños.

Comeza a ruta da auga na Fonte Vella, construída en 1548 por orde do bispo Diego de Soto. Esta preciosa fonte resolveu os problemas de abastecemento público de auga na vila, xa que aproveitaba diversos mananciais, proporcionando auga todo o ano. Un gran arco abovedado e escalinatas, constitúen a súa principal característica, contando con inscricións alusivas ao tempo da súa fundación, así como o escudo imperial de Carlos V, e outros relativos á estirpe do bispo fundador.

Álvaro Cunqueiro, cuxa casa natal atópasa enfronte á fonte, escribiu sobre ela: “Se viñese ás festas de San Lucas un perfumista de París eu levaríalle á Fonte Vella, para que aspirase lentamente o aroma a herba recentemente cortada, e partindo del inventase un perfume de outono…”

Despois do inicio na Fonte Vella, ascendese por rúas empedradas cara a un camiño coa ruta sinalizada á esquerda e que nos mostra desde as alturas fermosas panorámicas sobre as torres da catedral e o casco antigo da vila de Mondoñedo. A ruta continúa, achegándose ao río Valiñadares e pasando por aldeas como a de Supena, que conservan a súa arquitectura tradicional e que forman parte dunha paisaxe agro-gandeira que se está perdendo, e tamén por bosques autóctonos nos que crecen árbores diversas como o carballo, a abeleira ou o acivro, acosados polas plantacións de eucalipto.

Pasando Supena, onde se atopa a emblemática fonte dos Montañeiros Celtas, se se desexa poderase  seguir ascendendo ata chegar á cova que foi descuberta ao mundo científico por José Villaamil e Castro, que no 1873 publica o seu primeiro plano. As covas kársticas son formacións escasas en Galicia e nelas a acción da auga filtrada da superficie – que neste caso acaba formando o río Celtas – ao longo de millóns de anos foi diluíndo as calcarias e dando orixe a corredores, galerías, salas e formacións dunha beleza e espectacularidade inesquecibles: estalactitas, estalagmitas, coadas, columnas, bandeiras, gours, excéntricas…

No pasado probablemente estivo habitada, xa que se atoparon restos humanos datados a finais do Paleolítico Superior e unha punta de frecha tallada en sílex.

Desde Supena descenderemos cara O Barral por un tramo asfaltado, e despois seguindo o camiño sinalizado baixaremos polo pendente carreiro das Sete voltas. Chegamos así ao pé do Salto de Coro, unha fermosa fervenza, que tras caer uns 10 m por unha parede de xistos forma unha poza nunha fantástica paraxe, rodeada de abundante vexetación de ribeira.

O camiño seguirá baixando polas escaleiras ata conectar co río Valiñadares e seguindo o río, chegaremos ao Barrio dos Muíños, formado por canles de auga que a conducían a varios muíños hoxe sen uso. Desde aquí continúa ata o final da ruta, na praza da Catedral de Mondoñedo.