Skip to main content
Mondoñedo

A subdelegada di que a taxa de criminalidade descendeu un 51% en Mondoñedo

Por 10 Outubro, 2022Sin comentarios

Rodríguez fixo referencia á situación da violencia de xénero neste concello e informou de que entre os meses de xaneiro e agosto deste ano rexistrouse en Mondoñedo 2 denuncias por violencia machista.

 A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, mostrouse satisfeita polo descenso da criminalidade no Concello de Mondoñedo, tal e como indican as estatísticas da Garda Civil. Así, explicou que os datos amosan unha tendencia positiva ao reducirse un 51,6% o número de delitos que se produciron no municipio, pasando de 31 infraccións penais no 2019, ano prepandemia, a 16 no 2021. Actualmente, a taxa de criminalidade do municipio é dun 7,76% por mil habitantes, sendo moi inferior á media da provincia e de Galicia. 

Rodríguez avanzou que o ano 2021 foi un gran ano en materia de seguridade no concello de Mondoñedo, pois tamén descenderon os delitos leves nun 54% ao pasar de 13 a 6, entre eles os delitos contra as persoas, o patrimonio e a seguridade colectiva. 

A subdelegada deu conta da evolución da criminalidade en Mondoñedo na Xunta Local de Seguridade, que copresidiron Isabel Rodríguez, e o alcalde, Manuel Otero, na Casa do Concello e na que tamén participaron representantes da Garda Civil, Subsector de Tráfico, Policía Autonómica e Policía Local. 

Violencia de xénero

A subdelegada do Goberno tamén fixo referencia á situación da violencia de xénero neste concello e informou de que entre os meses de xaneiro e agosto deste ano rexistrouse en Mondoñedo 2 denuncias por violencia machista. Esta cifra supón un aumento con respecto ao ano pasado no que houbo 1. Isabel Rodríguez advertiu da importancia de non baixar a garda pola gravidade e a magnitude desta lacra que atenta contra a liberdade e a igualdade entre homes e mulleres. Ademais, destacou que nos tres últimos anos non se produciu ningunha denuncia por quebrantamento. 

Seguridade escolar

Isabel Rodríguez fixo referencia tamén ao labor da Garda Civil en materia de seguridade escolar. Neste sentido, detallou que no curso 2020/2021 a Garda Civil impartiu 6 charlas sobre acoso escolar, riscos en Internet e novas tecnoloxías, ciberseguridade e adicción aos videoxogos destinadas ao CEIP Plurilingüe Álvaro Cunqueiro. En canto ao Plan Maior de Seguridade, logo do paréntese aberto pola crise sanitaria, este ano puido celebrarse unha charla no centro sociocultural de Mondoñedo. 

Festas das San Lucas

A Xunta Local de Seguridade tamén analizou o dispositivo que se organizará para velar pola seguridade das persoas que se congregarán no municipio con motivo da celebración das tradicionais festas das San Lucas, que este ano se celebran dende o 14 ao 20 de outubro. “Dende o Goberno colaboramos co Concello achegando as forzas de seguridade do Estado para que Mondoñedo conte coas máximas garantías de seguridade nas festas”, informou Rodríguez.