Skip to main content
Ribadeo

Sinalizados os tendidos eléctricos de alta tensión da desembocadura do río Grande na ría de Ribadeo

Por 24 Outubro, 2022Sin comentarios

Nestes días foron sinalizados os tendidos eléctricos de alta tensión que sobrevoan a desembocadura do río Grande na ría de Ribadeo. “Apréciase visualmente que agora os fíos eléctricos teñen colocados esferas de cor para maior visibilidade dos posibles navegantes que o fagan por este espazo”, din dende o Concello ribadense.

O alcalde lembrou que “logo do accidente mortal rexistrado o pasado 28 de agosto, onde un rapaz tripulante dunha embarcación de vela latina viuse afectado por unha descarga eléctrica ao atoparse nas proximidades dun tendido de alta tensión, enviamos desde o Concello unha serie de escritos ás diferentes institucións con posibles competencias nese ámbito, xa que o Concello non ten competencias na lámina de auga. Destes varios escritos fomos recibindo resposta de dúas delas: da Capitanía Marítima e da empresa eléctrica Begasa. A primeira delas comunicounos as varias xestións que fixera, especialmente coa compañía eléctrica. Pola súa banda, a compañía eléctrica Begasa maniféstanos que cumpren de xeito estrito coas especificacións técnicas contempladas na normativa aplicable e que na actualidade non existe ningunha normativa que atribúa ás empresas propietarias de liñas aéreas responsabilidades ou competencias en materia de balizamento para sinalizar a existencia de tendidos eléctricos a navegantes”.

E engadiu: “con todo, e a pesar disto, a compañía indica que se puxo a disposición das autoridades competentes para prestarlles a máxima colaboración no que estimen conveniente”.

Fernando Suárez subliñou: “entendemos desde o Concello, que esta mellora na sinalización e balizamento corresponde a esas xestións das que nos teñen indicado por escrito, algo que, desde logo saudamos e valoramos positivamente, no ánimo que nunca máis se volva producir unha desgraza deste tipo, nin na Ría de Ribadeo nin en ningún outro lugar”.