Skip to main content
RiotortoRiotorto AMARIÑAXA

Un convenio permitirá impulsar actividades contra a dependencia en Riotorto

Por 7 Outubro, 2022Sin comentarios

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou a importancia de que as persoas de máis idade se manteñan activas para favorecer a autonomía persoal e un envellecemento saudable. Díxoo no acto de firma dun convenio co Concello de Riotorto, ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, para a realización de programas e actuacións dirixidos a previr e abordar situacións de dependencia.

A través deste acordo de colaboración, a Consellería de Política Social e Xuventude destinará este ano 30.000 euros para contribuír ao financiamento das actuacións que realice a administración local dirixidas tanto a mellorar a calidade de vida e benestar das persoas con dependencia como a promover a autonomía dos maiores residentes neste municipio lucense. Estas actividades desenvolveranse nas antigas escolas rehabilitadas como centros veciñais de que dispón o Concello.

Antón Acevedo sinalou que con este tipo de iniciativas, a Xunta aposta por favorecer o envellecemento activo tamén no rural, achegando aos maiores que residen nestas localidades os coidados que necesitan para que vivan onde vivan poidan pasar esta etapa das súas vidas sen saír da súa contorna e de acordo coas súas preferencias.

Coidados de proximidade

Como exemplo deste compromiso, o director xeral puxo o programa de Coidados porta a porta, que proporciona atención gratuíta en podoloxía, estimulación da memoria e audioloxía.

Así mesmo, referiuse ao novo impulso que o Goberno galego dará nos orzamentos de 2023 ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que leva atención profesional no ámbito sociosanitario ás casas de máis de 25.000 galegos; ou á Teleasistencia, que fai posible que con tan só premer un botón os maiores reciban a atención que precisan.